Saltar ao contido

María García: “O goberno do Estado, a través da Siepse, é o propietario dun edificio histórico e patrimonial, pero leva máis dunha década sen investir un peso no seu mantemento ata a calamitosa situación actual”

En tres anos, o goberno local non foi quen de propoñer un só proxecto nin de conseguir fondos para o edificio

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, reclámalle ao Estado “que asuma a súa responsabilidade e financie as obras necesarias para rehabilitar o antigo cárcere da Torre, do que se desentendeu por completo desde 2009”. Faino tras coñecer a existencia dun informe no que o Icomos, órgano consultivo da Unesco para a protección de monumentos e edificios patrimoniais, lles reclama a todas as administracións “cantas medidas axuden” a evitar que continúe o xa grave deterioro do penal.

O Icomos (International Council of Monuments and Sites) respondeu así tras unha solicitude de Proxecto Cárcere, colectivo que leva unha década reivindicando a recuperación deste inmoble histórico. O Proxecto Cárcere foi responsable de realizar actividades públicas no edificio durante o mandato de Xulio Ferreiro, cando foi posible reabrilo ata que se pechou por orde da Xunta de Galicia. O órgano da Unesco diríxese ao Estado, o Concello e a Xunta, pero era o Estado, a través da Siepse, o propietario e responsable último da conservación do edificio.

“Os custos de rehabilitar o cárcere, que ascenderán a varios millóns de euros, están ausentes do acordo que o goberno local anunciou coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios e da Seguridade do Estado (Siepse). Non se sabe quen os vai pagar, pero o Estado lava as mans e só pensa en facer caixa, desaproveitando oportunidades como a dos fondos europeos para a rehabilitación dun edificio histórico e patrimonial ”, argumenta María García. A falta de coñecer todos os detalles, este pacto entre administracións non semella unha boa nova para a cidade da Coruña

A herdanza de Francisco Vázquez

Polo que se sabe deste acordo, o executivo local pensa pagar 2,3 millóns de euros (incluíndo intereses) para mercar un edificio que foi construído en terreos municipais, e que debeu regresar ao Concello cando deixou de ter uso penitenciario en 2009. Pero permaneceu retido polo Estado, que non gastou nada en garantir o seu mantemento e conservación. O problema vén dun convenio asinado por Francisco Vázquez, nunha das súas moitas malas decisións. E que motivou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contraria aos intereses da cidade da Coruña.

O caso do cárcere volve demostrar que o Estado só pasa pola Coruña para facer caixa, cunha mentalidade propia da peor das inmobiliarias. A Siepse fai, nestes caso, o mesmo que a Sareb cando saca a poxa vivendas baleiras en lugar de cedelas para fins sociais. O mesmo que Puertos del Estado cando pretende cobrar unha débeda inxustificable a cambio de hipotecar os peiraos. E que o Ministerio de Defensa cando vende terreos por toda a cidade sen pensar sequera en darlles un uso público… As institucións non deberían ter o rendemento económico coma única motivación, senón o interese público en sentido amplo.

Campaña de acoso e difamación

Cómpre lembrar, en todo caso, que o cárcere só permaneceu aberto durante un breve período en 2010, para o festival de cinema S(8), e varios meses entre 2018 e 2019, con diversas actividades sociais e culturais, por iniciativa do goberno da Marea Atlántica e coa xestión de Proxecto Cárcere.

Este último proceso foi obxecto dunha campaña de acoso e desprestixio, na que o Partido Popular mesmo chegou a presentar unha denuncia contra concelleira Claudia Delso, que posteriormente sería arquivada e desestimada ao non haber ningunha conduta ilegal. Daquela campaña de obstaculización derívanse moitas dificultades para recuperar o edificio hoxe en día.

O Estado ten que asumir a rehabilitación do antigo cárcere tras a primeira amoestación da Unesco