Saltar ao contido

Non é lóxico nin xusto que A Coruña venda a súa fachada marítima para pagar as obras do porto exterior, como obrigaban os convenios de 2004. Hai que rachar esas cadeas

O Porto da Coruña debería estar a deseñar novos usos para os peiraos interiores, máis abertos, democráticos, que estean tamén ao alcance das veciñas e veciños que non son Marta Ortega


Xan Xove, candidato á alcaldía da Marea Atlántica, instou hoxe ao Estado a facerse cargo da situación financeira da Autoridade Portuaria da Coruña, unha institución que depende directamente da administración central, “e liberar a cidade da lousa da débeda contraída polas obras do porto exterior”. Afirmou que “non é lóxico, dá igual desde onde se mire, que se pretenda vender a fachada marítima da Coruña para pagar unha obra de interese xeral motivada por ter padecido tres mareas negras: a do Urkiola, a do Mar Exeo e a do Prestige. Hai que rachar esas cadeas que se ataron nos convenios de 2004”.

Xove sinalou que Puertos del Estado debería condonar os 200 millóns de débeda que mantén coa Autoridade Portuaria da Coruña, “tal e como fixo en Valencia, polo dobre do importe e contraído por unha causa moito menos xustificable, como foi pagar os eventos da fórmula 1 e a Copa América”. E engade que “se unha institución do Estado mantén unha débeda con outra institución do Estado, é o Estado quen debe facerse cargo en lugar de sentarse a facer caixa coma a a máis voraz das empresas privadas e xogar ao Monopoly cos peiraos da Coruña”. 

Desde a Marea Atlántica, trasladaremos este debate ao Pleno do mes de febreiro, cunha moción na que instamos aos grupos da Corporación a posicionarse e rexeitar claramente pagar cartos públicos do Concello por uns peiraos que xa son públicos e están a ter uso público. 

Como di Xan Xove: “Sería moito máis produtivo que a Autoridade Portuaria traballase en darlle novos usos aos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e Transatlánticos, xa abertos. Agradecemos e recoñecemos o paso que significaron os concertos e as exposicións para demostrar que o porto xa pode ter uso público sen pagar unha millonada. É o momento de democratizar o acceso aos peiraos incluindo as veciñas e veciños que non son Marta Ortega e máis actividades que as mostras de Lindberg e Meisel”.

Un porto con mellores perspectivas económicas

En todo caso, tal e como adoita lembrar o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado nas súas comunicacións públicas, a situación económica da entidade é moito mellor agora que na década pasada e o financiamento da conexión por tren con Punta Langosteira está garantido. 

Existen, ademais, diversas axudas e fondos europeos para a transición ecolóxica e a recuperación post-pandemia das que o porto xa se está beneficiando, mentres anuncia de xeito periódico novos investimentos no green port de Punta Langosteira. 

“Todo iso son boas novas, pero hai que manter a coherencia. Se o porto ten mellor situación económica, que se faga cargo das súas débedas. E se o porto quere ser verde, nada hai menos verde que vender terreos para edificar intensivamente en lugar de empregalos para ampliar espazo público e mellorar a calidade de vida da veciñanza”, sinala Xove.

Mudar o planeamento dos convenios de 2004

Finalmente, o candidato da Marea Atlántica lembrou que por moito que o goberno local dea por caducados os convenios de 2004, as propostas que contiñan están xa incorporadas ao PXOM, cun planeamento propio do século pasado e que prevé encher os peiraos de equipamentos comerciais e torres de formigón, especialmente no caso de San Diego. 

É preciso que todas as administracións, Concello, Autoridade Portuaria, Xunta e Estado, traballen para derrogar os compromisos asinados por Francisco Vázquez, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Álvarez Cascos tras o desastre do Prestige, e asenten un novo consenso á altura dunha cidade do século XXI.

Xan Xove lamenta as declaracións da Autoridade Portuaria: “É o Estado, non a cidade da Coruña, o que ten que resolver o problema da débeda de Langosteira”