Saltar ao contido

Tras unha xuntanza con Espazo Coop, o candidato da Marea Atlántica comprometeuse a introducir cláusulas de apoio á economía social na contratación pública do Concello

“Desde as institucións debemos fomentar a colaboración coas empresas cooperativas, con valores máis alá do beneficio e a economía de mercado”, sinala Xove 

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, xunto co concelleiro e deputado provincial Alberto Lema, reuniuse esta semana con representantes da Unión de Cooperativas Galegas – Espazo Coop para escoitar as necesidades deste sector da economía social. Comprometéronse a crear na cidade un espazo de encontro e traballo compartido entre empresas cooperativas, proxectos de innovación social e entidades do terceiro sector. Este novo espazo de coworking pode servir para estreitar lazos e crear sinerxías entre colectivos que comparten obxectivos comúns. 

Na mesma liña, Xan Xove tamén propón reforzar as cláusulas sociais nos contratos públicos mediante unha instrución de contratación do Concello da Coruña, para apoiar ás empresas cooperativas e de economía social nos procesos de contratación pública do Concello . “Porque os contratos públicos deberían ter en conta máis cousas que o prezo, e premiar as ofertas con maior calidade no emprego, menor impacto ambiental e outros beneficios para a sociedade no seu conxunto. É unha liña de traballo que abrimos no mandato de Xulio Ferreiro, e que a partir de maio queremos completar”, explica o candidato. 

Para Xove, as empresas de economía social, como as cooperativas, encaixan ben neste modelo, xa que “a súa filosofía de traballo é democrática, non lucrativa, transparente e ten en conta máis cousas que o beneficio a curto prazo e as lóxicas de mercado, o que lles outorga unha maior resiliencia”. Por iso é partidario de fomentalas a través de programas de formación, para darlle á veciñanza as ferramentas necesarias para poñer en marcha este tipo de proxectos. “Neste mandato, e grazas á iniciativa da Marea Atlántica, a Deputación da Coruña puxo en marcha unha liña de formación para o emprendemento en cooperativas. Unha liña que ben pode reproducirse desde o Concello”, engade Alberto Lema, o noso voceiro provincial.

Recuperación da Feira da Economía Social

Finalmente, desde Espazo Coop demandan a recuperación da Feira da Economía Social, unha mostra que se celebrou na Coruña durante o goberno de Xulio Ferreiro, para darlle visibiliade a este tipo de iniciativas, pero que desapareceu con Inés Rey. A súa última edición celebrouse en 2019, contando cun amplo programa lúdico. 

Espazo Coop reúne a máis de 200 empresas cooperativas galegas co obxectivo de fomentar a cooperación entre elas, dalas a coñecer e divulgar o cooperativismo como ferramenta de desenvolvemento social e económico. Unha das súas tres sedes atópase na cidade da Coruña. 

Xan Xove propón crear na Coruña un espazo de traballo compartido e encontro entre empresas cooperativas e entidades sociais