Saltar ao contido

“Neste mandato conseguimos que as escolas infantís fosen de balde. No próximo faremos que sexan tamén verdes, xunto cos colexios públicos”, asegura Xan Xove, candidato á Alcaldía

Este plan, no que a formación municipalista traballa man a man con Verdes – Equo, inclúe a naturalización dos patios e un programa de alimentación saudable, entre outras cuestións

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira desta organización en María Pita, María García, manteñen hoxe unha xuntanza de traballo conxunto con Daniel Díaz Grandio, José María Jiménez, María José Durán e Alberto Prieto, representantes de Verdes-Equo na Coruña, para perfilar o Plan de Escolas Verdes co que a formación municipalista fará máis humana, acolledora e sostible a rede de centros municipais de ensino da Coruña a partir de maio. “Neste mandato conseguimos que as escolas infantís municipais fosen de balde; no próximo faremos que sexan tamén verdes, xunto cos colexios públicos da cidade”, sinalou Xan Xove.

Deste xeito, apostamos por mellorar os patios tanto das escolas infantís municipais como dos centros de infantil e primaria. Trataríase de seguir a liña de traballo que se abriu durante o goberno de Xulio Ferreiro no colexio Torre de Hércules, cuxo patio foi reformado a partir das propostas da ANPA, da dirección do centro e do propio alumnado, no proxecto ‘O noso patio’, premiado na Bienal Internacional de Educación en arquitectura de UNICEF, e que serviu para humanizar considerablemente as instalacións.

Por iso, consideramos que esta iniciativa debería estenderse a outros centros escolares, na procura de áreas de xogo máis acolledoras, con maior contacto coa natureza, procurando a colaboración coa comunidade educativa. Ademais, reclamamos a recuperación do programa de Patios Abertos, que funcionou durante o último ano do mandato da Marea Atlántica, en 2019. Logrou que cinco centros escolares (Torre de Hércules, Manuel Murguía, Alborada, María Pita e Juan Fernández Latorre) abrisen os seus patios para o uso libre da veciñanza, gañando espazo público nos barrios.

 

Un mandato cos recursos en Educación sen aproveitar

“Por desgraza, este tipo de actuacións desapareceron co goberno de Inés Rey, que ten problemas para cumprir mesmo co mantemento básico dos centros de ensino, segundo trasladan diversas ANPAS. O goberno local mesmo ten dificultades para investir o orzamento da Área de Educación, que rematou o ano 2021 con máis do 40% dos fondos sen executar, segundo as memorias do Concello. Teremos que recuperalas a partir do 28 de maio, xa coa Marea Atlántica no goberno”, explicou Xan Xove. 

Na mesma liña, a Marea Atlántica e Verdes-Equo –que traballan nunha axenda verde máis ampla para as eleccións de maio– apostan por fomentar a colaboración cos centros de ensino para ofrecer alimentación saudable e con produtos de proximidade nos comedores escolares, do mesmo xeito que nas escolas infantís. Como lembrou o noso candidato, “o novo regulamento das escolas de 0 a 3 anos non só fixo que o acceso a esta etapa educativa sexa de balde, grazas á iniciativa da Marea Atlántica, tamén introduce a posibilidade de fomentar os menús saudables nos comedores, posibilidade que o goberno local case non explorou neste mandato”.

 

A Marea Atlántica implementará un plan de “escolas verdes” para humanizar a rede de centros educativos municipais na Coruña