Saltar ao contido
Escolas Infantís

O goberno local non debería adiar a modificación do Regulamento das EIM para evitar que repercuta nas familias a falta de colaboración entre as administracións

As grandes privilexiadas son as escolas infantís privadas ás que a Xunta lles permite incrementar un 10% as súas tarifas, e contan coas bases publicadas no DOG case un mes e medio antes que as de titularidade municipal

A Marea Atlántica lamenta que o goberno local chegue a setembro sen modificar o Regulamento das Escolas Infantís Municipais para permitir ampliar, de seis a oito horas, a gratuidade do servizo. Deste xeito, as EIMs equipararíanse á rede de centros, públicos e privados, financiados pola Xunta de Galicia.

“Volvemos demandarlle ao goberno local que coa maior urxencia se modifique o artigo 30 do Regulamento das EIM, e o leve canto antes ao Pleno para que as familias usuarias da rede poidan ter dereito ata oito horas de servizo gratuíto, e non só as seis que se veñen ofertando ata agora”, sinala a concelleira da Marea Atlántica, Silvia Cameán.

Dende a Marea Atlántica xa instamos ao goberno local a atopar unha solución no pasado Pleno de xullo, pero segundo diversas infomacións vertidas aos medios de comunicación, o Regulamento das EIM non se modificará ata que comece vindeiro curso 2022-23. Esta decisión pode supoñer un atraso de ata dous cursos para aplicar a gratuidade das oito horas que financia a Xunta. Segundo Silvia Caméan, “esta demora supón un agravio comparativo coas escolas infantís financiadas pola Xunta, mesmo coas privadas, que si ofertarán oito horas de balde. O goberno local non debería dilatar máis esta cuestión, que repercutirá directamente no peto das familias usuarias das EIM, no dereito ao ensino e na menor capacidade para conciliar”.

As privadas, as grandes privilexiadas

O goberno galego, quen realmente ten as competencias en educación e moitos máis recursos para exercela, establece xa para este curso a gratuidade das escolas infantís, pero é reprobable que o executivo autonómico estableza mellores condicións para as escolas privadas. Tal e como establecen as bases publicadas no DOG do 22 de xunio, que ademáis foron publicadas case un mes e medio antes que as bases para as de titularidade municipal, permitirlles incrementar una 10% as súas tarifas ata chegar a un tope de 306 euros/mes por praza a xornada completa.

Pola súa banda, a convocatoria das axudas para o funcionamento e gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade municipal publicada aínda no Diario Oficial de Galicia do pasado 3 de agosto, establece como prazo de presentación de solicitudes do 1 ao 30 de setembro. “Se o goberno local tivese feito os deberes, malia o axustado dos prazos, as EIM poderían ofrecer o servizo gratuíto de ata oito horas. A Coruña foi pioneira en establecer a gratuidade desta primeira etapa educativa e non se entende que, agora que a Xunta asume a financiación, vaia en detrimento das familias usuarias da rede municipal coruñesa”, sentenza a concelleira Cameán. 

Temos que lembrar que foi grazas a un dos primeiros acordos que o noso grupo asinou co PSdeG neste mandato que A Coruña é pioneira en ofrecer de balde o ensino infantil, tratándoo igual que ao resto das etapas da educación pública. É así desde o curso 2020-2021, un avance ao que a Xunta se sumou agora.

Lamentamos que as escolas infantís municipais queden fóra este curso da gratuidade das oito horas que financia a Xunta de Galicia