O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, adiantou que, para acometer esa medida, modificarase o regulamento destes espazos e o Concello asumirá o custo da totalidade das matrículas de 0 a 3 anos, que ascende a medio millón de euros
A Marea Atlántica impulsará a creación de dúas novas escolas municipais, acompañadas de centro de día, coas que se dará solución ás demandas de prazas
O alcalde da Coruña e candidato á reelección pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, visitou esta mañá a Escola Infantil Municipal (EIM) Arela, no barrio de Elviña, dentro dos encontros que está a manter con distintos colectivos da cidade para recabar achegas e suxestións para implantar dende a administración local políticas que favorezan a construción dunha cidade máis xusta. Acompañado da actual concelleira de Xustiza Social e número catro da lista ás eleccións municipais, Silvia Cameán, Ferreiro anunciou que a partir de 2020 toda a rede de escolas infantís municipais, que cobre a etapa de 0 a 3 anos, será gratuíta.
“Ao longo destes catro anos, o goberno local apostou de forma decidida por mellorar, dentro das súas competencias, a calidade da educación pública na cidade. No que atinxe ás escolas infantís, levamos a cabo unha importante rebaixa de tarifas, de até un 90%”, dixo o rexedor. “Demos pasos importantes, pero aínda queda moito por avanzar. Cremos que é posible e factible ir máis alá, e implantar a gratuidade universal na rede municipal”, indicou. “A etapa de infantil debe ser de calidade e ter unha vontade claramente educativa. Non podemos ver ás EIM como meros espazos de conciliación, que tamén o son, senón como lugares onde comezar a recibir unha formación de calidade”, engadiu.
Para poder facer posible a gratuidade universal para todas as familias na rede das Escolas Infantís Municipais será preciso acometer a reforma do seu regulamento, un trámite que debe ser aprobado polo Pleno municipal. “Posteriormente, habería que dotarse dos fondos precisos para poder asumir esta gratuidade, que ciframos en medio millón de euros”, salientou o candidato á Alcaldía, que incidiu en que a Marea Atlántica prevé que esta medida poida ser efectiva no curso 2020-2021.
Dúas novas escolas infantís na cidade
Ademais de introducir a cota cero para todas as nenas e todos os nenos, a Marea Atlántica impulsará a creación de dúas novas escolas infantís municipais, acompañadas de centro de día, nunha aposta interxeracional e para dar cobertura á crecente demanda de prazas. “Durante este mandato xa comezamos a negociar este tema coa Xunta de Galicia a que lle pedimos, ou ben que transfiran ao Concello as competencias nas escolas infantís, ou ben que asuman a construción de, polo menos, dúas novas unidades. Neste caso, dende o goberno local, a Marea Atlántica porá todas as facilidades, cedendo os terreos e buscando as localizacións máis acaídas, unha das cales deberá estar, necesariamente, no entorno do Parque Ofimático”, explicou. “A demanda de prazas xustifica estes investimentos nos vindeiros catro anos”, resolveu.
Para Ferreiro, estas novas actuacións darán continuidade aos avances conseguidos polo goberno da Marea Atlántica nestes últimos catro anos. Ademais de poñer en marcha a redución das tarifas das EIM, o executivo liderado por Xulio Ferreiro duplicou o investimento para as bolsas comedor, de 700.000 a 1,5 millóns de euros e puxo en marcha un plan de comidas en período non lectivo para garantir a correcta educación dos e das menores de familias con máis dificultades. Este programa beneficiou a case 450 menores durante o pasado 2018. Ademais, e aínda que en moitos casos non se trataba dunha competencia municipal, o Concello acometeu obras de mellora nos centros escolares públicos da cidade por valor conxunto de 2 millóns de euros.
Entre outros programas a destacar salienta tamén Aberto ao Barrio, do que o pasado exercicio se beneficiaron case 3.800 persoas e que consiste na apertura, fóra de horario lectivo, de cinco patios de centros públicos da cidade. Ou Ao Meu Xeito, que permitiu que as escolas infantís municipais deseñaran as súas propias accións educativas.