Silvia Cameán: “Hai que rematar co agravio comparativo entre a rede municipal e as escolas privadas e autonómicas. Se o goberno fai os deberes, pode contar cos nosos votos para aprobalo”
Denunciamos o caos na xestión das bibliotecas municipais privatizadas: pese ás promesas do goberno, o pago dos soldos volve estar en risco
A Marea Atlántica volveu solicitar hoxe, na Comisión de Educación e Cultura celebrada en María Pita, que o goberno local amplíe de seis a oito horas a atención educativa gratuíta na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM). “Levamos desde xuño avisando da necesidade de acelerar os trámites para aplicar esta medida no presente curso, evitando o agravio comparativo coas escolas privadas e autonómicas, pero a Concellaría de Educación non fixo os deberes”, denuncia a edil Silvia Cameán. Nesta sesión, tamén solicitamos que se poña sobre a mesa, dunha vez, unha solución definitiva para as bibliotecas municipais de xestión privada, pois o pago dos salarios volve estar en risco.
No transcurso da Comisión, o executivo municipal asegurou que está a calcular o orzamento necesario para incrementar a gratuidade ata as oito horas, pero non garante que se vaia aplicar neste curso. Cameán instounos a aplicala canto antes e asegurou que “poden contar cos nosos votos no Pleno para mobilizar os cartos necesarios”.
A Xunta, coa privada
Lamentablemente, a Xunta de Galicia pon dificultades para conseguir este obxectivo, xa que financia con 300 euros cada praza das escolas infantís privadas e só con 160 as municipais: un 77,5% máis para os centros privados, amosando as claras preferencias do Partido Popular. Pero A Coruña xa foi pioneira, en 2020, en ofrecer a gratuidade na educación de 0 a 3 anos, igualándoa co resto do ensino público, por iniciativa da Marea Atlántica. O Concello ten que facer un esforzo para non quedar atrás.
Ademais, tamén solicitamos que o goberno local valore incluír no programa de bolsas comedor os servizos complementarios de almorzo, xantar e merenda das EIM ante a grave crise económica pola que están a pasar moitas familias. Do mesmo xeito, preguntámoslle ao goberno local polas medidas para recuperar a Carmen Cervigón como escola pública, tal e como aprobamos por unanimidade no pleno de setembro.
Caos absoluto nas bibliotecas municipais
En canto á situación nas bibliotecas municipais de xestión privada denunciamos o caos absoluto no que se atopan, a pesar das promesas o goberno de resolver o problema en xullo. Unha vez máis, a empresa concesionaria non garante que vaia pagar os soldos a tempo, e o executivo local non ten nin esbozado o novo contrato que podería resolver a situación.
Trátase dun servizo público fundamental que se atopa instalado na precariedade, con consecuencias que pagan as traballadoras e as persoas usuarias, nunha situación de permanente incerteza. Como xa temos avisado, a solución definitiva sería remunicipalizar todo o servizo rematando coas desigualdades, algo que a Marea Atlántica tentou facer no pasado mandato, ante o voto en contra do PSOE e o PP, e a abstención do BNG. Pero comprometemos, unha vez máis, os nosos votos para aprobar calquera solución que signifique que o persoal das bibliotecas cobra o seu salario cando toca.