Saltar ao contido
Participa no pleno

Os asuntos deben ser aqueles sobre os que o pleno ten competencias, hai que presentalos coa debida antelación e sobre eles decidirá a presidencia da corporación publicándose os rogos e preguntas da cidadanía e tamén as respostas recibidas.

A innovación e a participación democrática son esixencias moi firmes da cidadanía e áreas moi pouco desenvolvidas nun contexto de certo impase. A xente reclama modificacións da lei electoral, a reforma do senado ou unha nova constitución. Pero a nivel municipal do que se trata é de reducir a distancia entre as corporacións e a súa complexa estrutura a respecto das persoas. Todas queremos sentir como propias as institucións e aspiramos a que a nosa voz, a nosa opinión ou o noso rogo sexa tido en conta.

Co escano cidadán o goberno da Marea non fai outra cousa que atender esa reclamación de máis e mellor democracia, de máis e mellor participación levando á práctica o que contemplan as leis e os regulamentos municipais. Con este mecanismo as persoas que vivimos e traballamos na Coruña disporemos en cada pleno de trinta minutos a razón de dez intervencións de tres minutos para introducir rogos e preguntas que abran o debate público a aspectos que ao mellor non contemplan, ou non o fan suficientemente, os grupos municipais.

Para poder facer uso do escano temos que solicitalo por vía telemática se dispomos de certificado dixital ou presencialmente usando os rexistros do concello. Os asuntos deben ser aqueles sobre os que o pleno ten competencias, hai que presentalos coa debida antelación e sobre eles decidirá a presidencia da corporación publicándose os rogos e preguntas da cidadanía e tamén as respostas recibidas.

Como todo na vida, un correcto uso desta ferramenta de participación será responsabilidade de todas. Da xente que se acolle a este dereito e das concelleiras que teñen que integrar a voz da rúa e saber dar resposta atinada ás súas preocupacións.

A participación democrática non se consegue cunha soa medida e con esta non se resolve. Pero se somos capaces de poñela en marcha satisfactoriamente e de acompañala de máis medidas daremos pasos na boa dirección. Estaremos innovando e profundizando na democracia. Trátase desde a perspectiva da Marea de cumprir un compromiso, si, pero en última instancia de que todas nos sintamos máis involucrados na gobernanza municipal porque o concello é a institución máis próxima a nós e na que a nosa voz e os nosos problemas deben ocupar o espazo central.

Só nos resta desde aquí animar e estimular a vía de participación que se nos abre. Aproveitar esta oportunidade. E estarmos vixiantes para cando toque avaliar o escano cidadán. Porque democracia debe ser tamén explorar posibilidades, facer balance e nunca renunciar a construír entre todas, concello e cidadanía, relacións máis fluídas, próximas e eficaces.

#MareaCumpre

Escano cidadán: participa no teu concello