Saltar ao contido

A directiva declarou un ERTE ante a complicada situación económica que atravesa a entidade. Reunímonos con representantes sindicais para trasladarlles o noso apoio

Alberto Lema: “Non se pode abandonar á súa sorte un club sen ánimo de lucro, con case un século de historia e que xestiona un equipamento público”

O concelleiro da Marea Atlántica Alberto Lema mantivo unha xuntanza con representantes sindicais do cadro de persoal do Club do Mar de Santo Amaro para coñecer a súa situación e trasladarlles o noso apoio fronte ao ERTE que ameza con deixar sen emprego a 27 das 45 persoas que forman actualmente o cadro de persoal Segundo nos trasladan, a situación económica da entidade é delicada, debido ao déficit que supón nestes momentos a xestión da piscina municipal, na que traballan once das persoas afectadas polo ERTE.

“Ante esta situación, reclamamos que o goberno tome medidas con carácter inmediato. Non se pode abandonar á súa sorte unha entidade sen ánimo de lucro e con case un século de actividade como é o Club do Mar. E menos cando os seus problemas derivan de xestionar un equipamento público”, sinala Alberto Lema.

 

A directiva do Club do Mar denuncia que, ante a suba dos prezos da enerxía, a inflación e o descenso de persoas usuarias tras a pandemia, están a afrontar unhas perdas de 25.000 euros mensuais pola xestión da piscina climatizada, de titularidade municipal, e que dá servizo a centos de persoas en Monte Alto e Durmideiras. Un déficit ao que o goberno local promete solucións que nunca chegan a materializarse.

Fundado en 1935, o Club do Mar de Santo Amaro é unha institución na Coruña polo seu traballo da promoción dos deportes marítimos a través das súas escolas deportivas, e polos servizos que lle presta á veciñanza. O goberno local da Coruña ten que implicarse para garantir a súa supervivencia, pero desde a Concellería de Deportes non parece haber outro interese que as fotos e os grandes eventos.

O goberno ten que tomar medidas fronte ao enorme déficit da piscina municipal do Club do Mar