Entrevistamos a Verónica Campos, Melencha, experta en Facilitación e Mediación e asesora de Medio Ambiente durante o Goberno da Marea Atlántica
Pasado e futuro mestúranse nun presente globalizado no que o municipalismo ten ante si enormes retos que se concentran, unha vez máis, na máxima, tan sinxela como ambiciosa, de poñer as personas no centro das políticas. Tras unha pandemia que o mudou todo, vivimos un momento de transición ecolóxica coas expectativas e as forzas postas no necesario impulso de medidas que impidan que o noso mundo supere un punto de non retorno ambiental. Transitamos o camiño cara a un cambio social que só pode construírse dende unha perspectiva feminista, de igualdade e de diversidade. Pero, á vez, vemos con enorme preocupación como volven emerxer con forza discursos de odio, perpetrados por aqueles que teiman en borrar a memoria para impor o silencio.
E neste punto, que podemos facer as pingas que conforman unha Marea? Cales son os mecanismos que, dende o cotiá, podemos poñer en práctica para construír ante aqueles que ameazan con derrubalo todo? Como afrontar un escenario cargado de conflito? Falamos de todo isto con Verónica Campos, Melencha, asesora de Medio Ambiente durante o Goberno municipal do cambio na Coruña, entre os anos 2015 e 2019, e experta en mediación e facilitación.
1- A pandemia sanitaria deixou tras de si un estado de emerxencia social sen precedentes. Nun escenario coma este, como poden axudar os mecanismos de facilitación a colectivos e entidades?
A pandemia mudou de voz a nosa sociedade e, neste camiño cara ao que denominamos nova normalidade, non debemos pasar por riba do que aconteceu nos nosos colectivos, en proxectos, en entidades… Falamos dunha situación durísima, de perda de familiares e de amizades, de medo persoal, dunha (aínda maior) precarización. É imposíbel que todo isto non estea presente, non permee, nos grupos dos que as persoas formamos parte. A facilitación como ferramenta pode ser unha das que empreguemos para retomar os procesos colectivos, para coidar das diferentes experiencias e necesidades das persoas que os integran, dos conflitos que pode haber… Traballar tamén colectivamente na motivación grupal ou, ao mellor, na necesidade de redefinición das nosas entidades e proxectos. O mundo mudou, iso é innegábel. Nós mudamos a título persoal, pero tamén os nosos espazos colectivos.
“A Facilitación pode ser unha das ferramentas que empreguemos para retomar procesos colectivos”
2- Hai nada, un informe de Oxfam indicaba que mentres os dez homes máis ricos do mundo duplicaron a súa fortuna neste tempo, os ingresos do 99% da poboación mundial deterioráronse coa COVID. E non sei que ferramentas ten ese 99% para poder, tan sequera, enfrontar esta situación.
Vin estes días un mapa que amosaba os máis de 150 avións privados que despegaron dos Anxeles tras a final da Superbowl. Só o 1% causan o 50% das emisións da aviación global, por exemplo. Pero a comunicación social insiste en que a culpa é nosa por non volver á casa en bicicleta despois de 10 horas de traballo. Para a maioría da xente a COVID mudou o mundo a peor, aínda que para uns poucos foi precisamente o contrario. En todo caso, agora sabémonos vulnerábeis. Somos conscientes de que o sistema capitalista artellado é incompatíbel coa vida e de que a destrución da natureza é a vía pola que, probablemente, chegue outra pandemia. Cómpre un cambio, pero un cambio que non vai facer ese 1% que se beneficia do sistema. Nós, as outras, as do 99%, precisamos articulármonos agora con máis radicalidade. E dende o local imaxinar, proxectar e armar novas formas de consumir, de nos mover, de vivir e de ter espazos de lecer fóra desta lóxica capitalista que se basea na explotación de recursos e persoas noutras partes do mundo.
3- Xunto con outras compañeiras, levaches a cabo metodoloxías de mediación e de facilitación na Marea Atlántica dende os seus comezos. Non sei se foi sinxelo, dende logo, si foi novidoso…
Sinxelo non foi, pero si emocionante. Novas formas sempre poden implicar rexeitamento, e sobre todo nun contexto sociopolítico de enorme presión, de enormes retos e, por que non dicilo, de enorme violencia mediática contra a organización. Foi un proceso de creatividade desbordante. Non había moitos precedentes, pero tiñamos clara a determinación de buscar novos modelos de particicipación que fosen acolledores para moitas persoas que non tiñan esta experiencia ou que fuxiran dos espazos políticos. Buscamos modelos que traballasen cunha xestión do poder máis horizontal e máis consciente, e que, por suposto, partisen da revisión dos procesos dende unha perspectiva feminista. E todo isto tiña que ser, ademais, efectivo. É dicir, había que tomar decisións rápidas. A verdade é que funcionou. Aquelas novas formas nas prazas, nos encontros abertos… Todo iso non pasou desapercibido para ninguén polo clima humano que xeraban. Seduciron a moitas persoas que entenderon que relato e práctica na nosa organización si van da man.
4- Fuches asesora da Concellería de Medio Ambiente durante o Goberno municipal da MA na Coruña. Nun tempo de descarbonización, escoitamos falar arreo de transición ecolóxica pero, á marxe, o gran reto é que ese cambio sexa xusto para todas as persoas. Como enfocalo desde as organizacións?
Supoño que, en primeiro lugar, non aceptando certos discursos aos que se nos está a someter como cidadanía. A ciencia é clara e rotunda, pero unha parte da clase política non está á altura. A ciencia dinos que, ou tomamos medidas drásticas de recortes de emisións e de adaptación da nosa economía, ou as consecuencias serán devastadoras. Xa o están a ser nalgunhas partes do mundo. Pero, á vez, están as campañas de greenwashing das multinacionais, que nos din o que temos que facer para ser máis verdes, mentres tratan de branquear o impacto das súas actividades. É certo que hai moitísimas cousas coas que podemos, a xente do común, contribuir a reducir o noso impacto. Temos e podemos ser partícipes da solución, modificando os nosos patróns de mobilidade baseados no automóbil e rexeitando consumos que non sexan de proximidade ou que se sosteñan sobre a explotación de persoas e recursos. Pero tan certo como iso o é que non se nos pode esixir ás persoas maiores compromisos se as administracións non están á altura. E, dende logo, non o están.
“A educación ambiental ou é critica, ou non é”
5- Nestes dous últimos anos tamén se puxo moito o foco na necesidade de maior educación ambiental e divulgación científica. Diso tamén sabes algo, que para iso es traballadora do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia)…
No CEIDA acabamos de cumprir 20 anos como centro de referencia de educación ambiental en Galicia. Como centro de documentación e de proxectos de conservación da natureza e participación ambiental, ademais de con formación, divulgación e xeración de procesos educativos contribuímos a formar unha sociedade máis consciente, respectuosa e solidaria. A pandemia lembrounos coma nunca que a mellor vacina está en protexer a natureza e a biodiversidade como seguro de vida. A educación ambiental tornou nunha ferramenta imprescindíbel, pero para iso precisamos de procesos que nos acheguen de novo á natureza, que nos amosen o metabolismo das nosas cidades e que constrúan un pensamento crítico. A educación ambiental ou é critica, ou non é. Neste campo, e a pesar da pandemia, houbo avances, pois 20 anos despois do anterior documento estratéxico, aprobouse a nivel estatal o Plan de Acción de Educaciòn Ambiental para a Sostibilidade, no que puiden intervir en calidade de experta… É un documento novidoso, ambicioso, non vou negar que menos do que me gustaría, pero que senta as liñas base que deberían guiar o traballo das administracións e empresas para impulsar un cambio cultural que permita responder aos retos socioambientais. E nel, queda claro que no local, precisamente o ámbito onde se teñen que producir moitas das transformacións necesarias, precísase moito máis apoio aos concellos para medios e persoal formado en educación ambiental.
7- Segues moi activa no grupo de Feminismos da MA. O ano 2020, de novo, a pandemia fixo caer de forma significativa as denuncias por violencia machista. Todos os observatorios deixaron ás claras que non houbo un descenso de casos, senón que houbo (aínda) máis dificultade para poder denunciar aos agresores.
As mulleres asumimos o custe físico e emocional desta pandemia en gran proporción. Por moitas causas: a feminización dos sistemas sanitarios e sociais, o feito de que as mulleres seguimos a asumir gran parte dos coidados e de que estes se viron aumentados polos peche das escolas, residencias e centros de día. En paralelo, ademais e sen parar, está a outra pandemia, a da violencia de xénero. A crise sanitaria, cun confinamento e cunha posterior redución de mobilidade, disparou a situación de risco de moitas mulleres. A pandemia incrementou tamén a dificultade de moitas mulleres á hora de poder acceder a sistemas de protección, servizos sociais, xulgados ou atención médica. Ao cabo, houbo un illamento, unha distancia enorme entre as mulleres e os servizos deseñados para nos axudar. Hai que abordar esta situación dende unha mirada transversal. Pensade que só en 2021, catro de cada cinco persoas expulsadas do mercado laboral eran mulleres…
8- Dende a Marea faise tamén moito fincapé nos procesos de revitimización sobre as mulleres. A indefensión na que moitas se atopan no momento no que denuncian e fan pública a súa situación.
Á hora de poñer unha denuncia, unha muller ten que facer fronte a dificultades sociais, xurídicas e emocionais. Todo isto, ademais, empeorou, como dicía, coa pandemia. Pero, á marxe, de base, existen moitos outros atrancos. Hai un fundamental. Para que se estableza unha relación de abuso e maltrato deben existir dúas cousas: o maltratador, por suposto, pero tamén todo un sistema cultural, político, económico e social que o xustifica e o encobre. Cantas veces tivemos que escoitar consellos do tipo: “Co que a ti che quere, como lle vas facer iso”, “El non é así, tivo un mal día”… Todo isto representa o primeiro elo dunha cadea moi complicada que dificulta aínda máis o paso de poñer unha denuncia. Por suposto, ademais, sabemos que existen moitas situacións en base ás cales aínda hoxe en día un feito non é denunciable. Ademais, somos testemuñas de como, en moitas ocasións, as vítimas son culpadas pola sociedade cando comezan os procesos que acompañan a unha denuncia. As mulleres seguimos a sufrir procesos de acoso por sacar á luz violencias machistas. Sen ir máis lonxe, eu hoxe estou a vivir en primeira persoa un proceso deste tipo, alleo á Marea, naturalmente. A imposición do medo ás víctimas a través de situacións de acoso en todos os ámbitos diarios, ou os clásicos relatos sobre a tolemia da muller que se atreve a non permanecer calada. Tola é o primeiro que se lle dí a unha muller cando alguén quere silenciala, e o silencio sempre é a opresión da vítima…Poñamos o foco tamén en todas esas campañas de acoso e difamación que o agresor e a súa contorna fan ao redor da vítima, na procura do castigo social, da súa deslexitimación e do seu illamento.
9- É moi duro o que estás contando, Melencha… Como podemos acompañarte, a ti e todas as personas que estades a sufrir unha violencia deste tipo?
Precisamos poñer atención sobre os relatos que, en último caso, tentan silenciar a unha muller dende estratexias que son ben coñecidas pero que, paradoxicamente, seguen funcionando e permeando. Debemos mudar un contexto no que a dúbida sempre recae sobre as mulleres. As estatísticas son claras ao respecto. Nunha recente entrevista, Laura Tallón, xuíza experta en violencia de xénero, explicaba que é moito máis frecuente que unha vítima non denuncie a que haxa unha denuncia falsa. Entre todos e todas temos que ser conscientes que non hai agresión machista sen un contexto cultural que tolere e aliente o machismo. Das agresións só son responsables os agresores. Da violencia social que sufrimos as mulleres que nos atrevemos a denuncialo, diso, aí, somos responsábeis todos e todas.