Saltar ao contido

No local da  Marea Atlántica, procesos municipalistas de toda Galicia  deron lectura a un manifesto de apoio a En Marea, no que se reclama que non se deteña o proceso de cambio iniciado nas eleccións municipais de maio e que chegue ao Congreso “a onda de ilusión das mareas e a avanzada dos nosos gobernos rebeldes”

Uns trinta procesos municipalistas de toda Galicia reuníronse hoxe na Coruña nun Encontro de Mareas Cidadás para amosar o seu apoio á candidatura de En Marea. Neste acto de campaña, que se celebrou no local da Marea Atlántica, na praza dos Ovos (Humor) deuse lectura a un manifesto no que as plataformas cidadás presentes ratificaron o seu “compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia”.

Por parte de En Marea, acudiron os candidatos e candidatas ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, Xaime Subiela, Rubén Pérez e Gladys Afonso, o cabeza de lista ao Senado pola nosa provincia, José García Buitrón, e as números un e dous da lista ao Congreso por Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez.

_DSC0029
Tone Gómez Reino, Mariano Fernández e Alexandra Fernández

En primeiro lugar, falou Mariano Fernández Cabarcos, por parte da Marea Atlántica, que lembrou o camiño percorrido desde que no verán do 2014 os primeiros mareantes se xuntaron na Ribeira do Cómaro e desde que hai oito meses se celebrou unha xuntanza moi semellante á de hoxe. Este camiño levou ás candidaturas cidadás a ter concelleiros e concelleiras en moitos dos concellos de Galicia e aos gobernos municipais da Coruña, Santiago e Ferrol.

De seguido, representantes das diferentes plataformas municipalistas deron lectura ao manifesto Maio só foi o principio, que foi asinado por Compostela Aberta, Ferrol en Común, SON de Abegondo – Foro Veciñal, Iniciativa Cidadá – Ames Novo, SON Ares, Boiro Novo-SON, Somos Cambados, Alternativa Canguesa de Esquerdas, SON Carballo, Movemento Veciñal Estradense, SON Malpica, Marea Cidadá de Noia, Ourense En Común, SON Pereiro de Aguiar, Nós Pobra, Marea Pontevedra, Rianxo en Común-SON, Ribeiro en Común, Marea de Vigo, Vilalba Aberta, Gañemos Vilanova, Gañemos Viveiro, SON Viveiro, SON de Toén, Alternativa Veciñal do Carballiño, Nigrán Decide, Xunt@s por As Pontes e Contigo Pódese Ames. Nos vindeiros días agárdase que se sumen outros procesos de unidade, a medida que as súas asembleas vaian aprobando o manifesto.

No texto déixase claro que “Galicia quere cambio. Un cambio nas políticas e na política, no modelo de sociedade que queremos para o futuro e no xeito de organizar a nosa vida en común e a participación nas institucións”. Ficou demostrado nas eleccións municipais, coa forza que colleron as candidaturas de confluencia e unidade popular.

“A vitoria de maio trazou unha liña no ecosistema político galego que só se pode atravesar nunha dirección: cara adiante”, indica o texto. E por iso, as mareas asinantes declaran: “Todo o noso apoio e toda a nosa forza para as compañeiras e os compañeiros que encabezan a candidatura de En Marea nestas eleccións xerais. Para que leven a onda de ilusión das mareas e avanzada dos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados. Maio foi só o principio. Galicia quere cambio. E isto non hai quen o pare”.

Pecharon o acto Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino, Tone, que agradeceron o apoio recibido. Alexandra salientou que “o obxectivo de En Marea é seguir sumando, e as mareas municipalistas son o espello no que vernos para seguir camiñando. O cambio é un proceso que necesita retroalimentarse e En Marea debe ser un motor para que máis xente siga participando nos espazos municipais para tecer a rede e abrir espazos de cooperación. Isto non o imos facer entre dúas ou tres persoas. Temos que facelo entre todas”.

Pola súa banda, Tone afirmou: “Síntome coma na casa. Estamos traballando colectivamente para construír unha candidatura que se pareza a este país. Abordamos este camiño con responsabilidade e ilusión. Responsabilidade colectiva polo reto e ilusión porque entre todas fomos capaces de facer o que a cidadanía nos demandaba. O 20D ou somos nós ou é Feijóo. O cambio non hai quen o pare”. E concluíu cunha expresión xa ben coñecida, e tan certa hoxe coma hai un ano: “En Galicia, para a xente, hai marea!”.

Encontro de Mareas Cidadás