Novas da Marea

Encontro cos comerciantes dos Mallos

Xiao Varela, número tres da candidatura da Marea Atlántica: “Entendemos o pequeno comercio como un mecanismo de cohesión social imprescindible”

Un grupo de integrantes da lista da Marea para as municipais visitou o barrio dos Mallos dentro da iniciativa #MareaEscoita para coñecer as preocupacións do sector e respaldou a súa demanda de dinamización e apoio fronte ás grandes superficies comerciais

Varios membros da candidatura da Marea para as eleccións municipais —o número tres, Xiao Varela; a catro, Silvia Cameán; e a seis, Eugenia Vieito— mantiveron este luns pola mañá unha xuntanza coa directiva da Asociación Comercial Distrito Mallos, que agrupa a uns 200 establecementos do barrio, dentro da iniciativa #MareaEscoita. O seu presidente, José Salgado, trasladou á Marea Atlántica algunhas das preocupacións dos asociados, como “a influencia das grandes superficies comerciais”, e, nese sentido, pediu un compromiso municipal para a dinamización e para garantir a unión do sector: “Interésanos a labor pedagóxica por parte do Concello, que diga que este é o seu comercio, e non o grandote”.

“A única maneira que temos para loitar contra as grandes superficies pasa por convencer á xente de que o pequeno comercio é vital”, sinalan desde a Asociación Comercial Distrito Mallos, contraria aos grandes centros á entrada da cidade que “co apoio do Concello lle din á xente que veña, compre e marche sen entrar na Coruña”. Os representantes da Marea comparten ese diagnóstico. “Entendemos o pequeno comercio como un mecanismo de cohesión social imprescindible”, sinalou Xiao Varela.

Os asociados e asociadas do pequeno comercio dos Mallos tamén reclaman que se lles teña en conta nas campañas de promoción municipal: “Chegan e dinnos o que van facer. O que precisamos son campañas longas, non promocións puntuais”. Igualmente, laméntanse de que as campañas deseñadas para o centro da cidade non sexan útiles nos barrios. “A nosa loita é que a clientela de aquí non marche para o centro porque o cliente do centro non vai subir aos Mallos”.

As candidatas da Marea recolleron esa e outras demandas e fixeron fincapé en que “o diálogo cos barrios e tamén co pequeno comercio será columna vertebral do noso modo de actuar, que mesmo cederá a toma dalgunhas decisións aos órganos de participación dos distritos e porá fin á xestión de costas á cidadanía que caracteriza ao Goberno do señor Negreira”.

Have your say