No marco do chamamento que publicamos esta semana e de acordo coas condicións que nel se apuntaron —entre elas, a da transparencia nos contactos—, a Marea Atlántica iniciou onte unha rolda de encontros con organizacións sociais e políticas da cidade da Coruña. A primeira en solicitar unha xuntanza e poñerlle data, hora e lugar foi a dirección local de Esquerda Unida, representada por Argimiro Manuel Doce e César Santiso. Con eles reuníronse, durante unha hora e media aproximadamente, varios membros do grupo de traballo de Apertura.
Doce e Santiso manifestaron a súa disposición a “sumar” e participar no necesario proceso de “confluencia” que propón a Marea Atlántica a través do seu manifesto, proceso que só pode partir “da cidadanía e dos movementos sociais”, á marxe dos “problemas” que se derivan da interlocución entre “cúpulas”. Nese sentido, amosáronse partidarios de cooperar con xenerosidade, facilitar a adhesión individual dos seus militantes e profundizar no diálogo aberto neste primeiro encontro.
Para ir máis alá e “diluírse” na Marea Atlántica, decisión que tomarán (ou non) democraticamente as bases cando chegue o momento, Esquerda Unida precisa que o proceso despexe antes algúns interrogantes. Aínda que se espuxeron máis, esencialmente son dous. Dunha banda, esperan que se habilite un sistema claro de toma de decisións e un regulamento de participación cidadá. Da outra, que o proceso “madure” tres aspectos: que modelo económico propón, onde se coloca na cuestión territorial e que grao de desobediencia institucional está disposto a asumir.
Os comentarios están pechados.