Saltar ao contido
Sede da Deputación da Coruña

As entidades locais pasaron de xestionar 5 millóns de euros en Programas de Integrados de Emprego a 1,6 millóns en 2021, un recorte gravísimo

So o PP votou en contra da nosa proposta para reforzar as políticas municipais de fomento do emprego, amosando que sempre poñen o interese de partido por diante do ben común

A Deputación da Coruña aprobou hoxe, co único voto en contra do PP, a moción presentada pola Marea Atlántica para reclamarlle á Xunta de Galicia un maior compromiso cos programas de fomento do emprego xestionados polos Concellos, dobremente necesarios ante a crise que estamos a vivir.

A nosa iniciativa insta á Consellería de Emprego e Igualdade a incrementar o orzamento previsto para o bienio 2020-2021, para facelo, cando menso, igual ao previsto para as entidades sen ánimo de lucro. “Os municipios precisan de todos os fondos necesarios para axudar á veciñanza na inserción ou reinserción laboral”, lembrou o noso voceiro provincial, Alberto Lema, e engadiu que “lamentamos que o PP volva poñer por diante os intereses do partido, defendendo a Feijóo a calquera prezo, antes que o ben común da cidadanía”.

No texto da moción sinálase que os Programas Integrados de Emprego (PIE) da Xunta son unha ferramenta útil para a formación e orientación laboral en diversos ámbitos profesionais, pero este ano atópanse enormemente desequilibrados no seu reparto. Se en 2019 o goberno galego reservaba 5 millóns de euros para os PIE que executaban as entidades locais, os Orzamentos 2021 consignan só 1,6 millóns para esta fin, un recorte gravísimo. Pola contra, os fondos para organizacións privadas sen ánimo de lucro aumentan, dos 5 millóns que tamén tiñan en 2019 aos 6,7 millóns previstos o ano que vén. Por iso pedímoslle á Xunta que iguale ambas partidas.

Pregunta sobre a situación laboral dos bombeiros

Doutra banda, a Marea Atlántica preguntoulle ao goberno da Deputación de xeito oral en que prazo pensa iniciar as probas para a funcionarización dos bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios, que desde o 1 de xaneiro deste ano xestiona os parques de bombeiros da provincia. É necesario para homoxeneizar as condicións laborais dos distintos parques e consolidar os postos de traballo. A resposta foi ambigua e sen ningunha data concreta, polo que instamos ao goberno provincial a resolver canto antes a situación.

Aprobada a moción da Marea Atlántica na Deputación para reclamarlle á Xunta máis fondos nos programas de emprego xestionados polos concellos