Esta iniciativa, desenvolvida por colectivos cidadáns, procura o recoñecemento da grave crise ecolóxica que supón o cambio climático e insta ao Concello da Coruña a seguir tomando medidas
Da man dos movementos sociais, apostamos pola creación dun Consello Cidadán de Emerxencia Climática, que poida facer seguimento das políticas impulsadas para facerlle fronte ao quecemento global
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o concelleiro Xiao Varela reuníronse esta semana con representantes da Alianza pola Emerxencia Climática. As activistas presentaron o modelo de Declaración de Emerxencia Climática, que se está a levar a municipios e parlamentos de todo o Estado na procura do recoñecemento da grave crise ecolóxica que supón o cambio climático. As representantes da Marea Atlántica comprometéronse a trasladar este documento ao Pleno ordinario do mes de setembro, en forma de moción, e buscar o máximo consenso co resto dos grupos para aprobala.
En tempos de revisionismo irresponsable por parte da dereita e a ultradereita, a Declaración convida ás institucións a recoñecer o quentamento global coma un realidade, que “pon en grave perigo ao planeta e os seus ecosistemas”, tal e como demostran as evidencias científicas.
Desde as Nacións Unidas, a Plataforma Científica Intergobernamental para as Políticas sobre a Biodiversidade e os Ecosistemas (IPBES) revela nun recente informe que máis dun millón de especies están ameazadas pola actividade humana. E o Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC), tamén ligado á ONU, advirte de que unha suba de máis de 1,5 graos nas temperaturas globais será irreversible.
Polo tanto, a Declaración de Emerxencia Climática urxe a asumir “unha folla de ruta vinculante capaz de garantir as reducións de gases de efecto invernadoiro anuais, abandonar os combustibles fósiles, apostar por unha enerxía 100% renovable e reducir a cero as emisións netas de carbono o antes posible”. E así o defenderemos, a instancias dos movementos cidadáns, no Pleno do mes de setembro. Do mesmo xeito, solicitarémoslle ao goberno municipal a creación dun Consello Cidadán de Emerxencia Climática, no que as entidades poidan ter información sobre as políticas que se poñan en marcha para afrontar o quecemento global.
A Alianza pola Emerxencia Climática está formada por máis de 40 entidades, como Amigos da Terra, ATTAC, CGT, Ecoloxistas en Acción, Adega, Greenpeace, Rede Ecofeminista, SEO Birdlife, USO ou WWF, entre outras.
Catro anos de conciencia climática
Durante o mandato anterior, o goberno da Marea Atlántica puxo en práctica varias políticas para actuar contra a emerxencia climática desde todas as áreas de goberno. Para comezar, o novo contrato de subministro eléctrico municipal, dotado con 7 millóns de euros, ten como condición que o 100% da enerxía proveña de fontes renovables.
Introducíronse melloras de eficiencia enerxética nos edificios municipais e no alumeado público en barrios como Os Rosais e no trazado da Rolda de Outeiro, desenvolveuse na depuradora de Bens un proxecto de produción de biogás a partir das augas fecais, que xa a está a mover buses interubanos na nosa contorna, reducíronse as verteduras contaminantes nun 80% e mellorouse a separación de augas fecais e pluviais en toda a cidade, reducindo o custe enerxético do seu tratamento e depuración posterior.
Tamén se introduciron axudas para a rehabilitación enerxética de edificios privados, e se fomentou o uso da bicicleta (medio de transporte saudable e non contaminante) coa ampliación do carril bici, que se duplicou en extensión nos últimos catro anos e aínda ten melloras pendentes. Na mesma liña, baixouse o prezo do billete de bus e fíxose de balde para menores de 13 anos, o que levou a un incremento no uso do transporte público, tendo así menos coches en circulación.
A creación de máis de 300 ecohortas, a promoción dos produtos de proximidade nos mercados municipais, e as campañas de concienciación cidadá foron tamén traballos que axudan a reducir o impacto do cambio climático na nosa cidade.
Tamén se incrementou nun 10% o arborado da cidade, coa plantación de 1.500 exemplares. Esta liña pode seguirse coa creación dos Bosques da Coruña e o Plan de Infraestrutura Verde, proxectos que o novo goberno local ten sobre a mesa e comprometeuse a desenvolver
Un dos eixos do acordo co PSOE para o comezo do mandato
Esta liña de traballo forma parte tamén do acordo asinado pola Marea Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato, nos que o Partido Socialista asume a creación dun operador eléctrico municipal con prioridade polas enerxías renovables e o desenvolvemento dos novos contratos de recollida e tratamento de lixo, deseñados para orientarse cara o residuo cero. Cumprir estes acordos non é só un compromiso coa Marea, senón con todo o planeta.
A Declaración de Emerxencia Climática non serve de nada se non vai acompañada de medidas reais, concretas e medibles. Os primeiros pasos foron dados no mandato anterior, e nestes próximos anos é preciso seguir adiante.