Saltar ao contido

Propoñemos recuperar as obras para impedir a entrada de auga salgada na depuradora de Bens, un dos acordos incumpridos polo PSOE 

Apostamos por dar apoio económico a varias iniciativas culturais de librarías e salas de concertos e ao Hockey Club Borbolla polo ascenso do seu equipo feminino á máxima categoría

A Marea Atlántica rexistrou emendas aos dous modificativos de crédito que o goberno municipal leva mañá a unha sesión extraordinaria do Pleno da Coruña, para realizar axustes no Orzamento. Aproveitando o trámite, propoñemos recuperar algúns investimentos pendentes, como a mellora da do colector de Riazor para evitar verteduras ao mar, e para apoiar ao tecido cultural e o deporte de base da cidade.

Recollemos, deste xeito, a necesidade de arranxar o colector municipal de San Roque para reducir a entrada de auga salgada na Estación Depuradora de Augas Residuais de Bens (EDAR), reducindo moito a calidade da depuración. Nos meses con mareas vivas, isto pode chegar a acontecer durante o 30% do tempo.

Cun investimento de 200.000 euros este ano poden iniciarse as obras, cunha actuación beneficiosa para o medio ambiente e a saúde pública. Estes fondos estaban incluídos no acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para aprobar o orzamento en vigor, pero resultou descartado no último modificativo. Por todo o dito, sobran os motivos para retomalo.

Convenios para a cultura e o deporte locais

Ademais, propoñemos un convenio co Hockey Club Borbolla, polo ascenso do seu equipo feminino á OK Liga, a máxima categoría deste deporte. Trátase dun club moi vinculado á cidade, que está a sumar éxitos deportivos e que verá incrementados os seus gastos por mor das viaxes e os partidos. Ata o de agora non tiñan apoio económico do Concello, un erro que se pode emendar agora.

Doutra banda, recollemos dúas iniciativas impulsadas polo tecido cultural, un sector que está a recibir o peor impacto da crise e que encabeza a destrución de emprego hoxe en Galicia. A falta de que o Concello da Coruña impulse o necesario Plan de Choque Cultural que levamos tempo reclamando, cómpre cando menos un apoio aos proxectos que xorden desde un tecido vital para a cidade.

Por estes motivos, solicitamos apoio económico para a iniciativa da Asociación de Libreiros e Libreiras da Coruña para impulsar activades de promoción da lectura. E tamén para o festival de bandas e artistas locais que propón organizar Clubtura, a entidade agrupa ás salas de música ao vivo da cidade. Non son, desde logo, as únicas propostas neste sentido, e outras deberán ser recollidas en futuros modificativos e nos próximos Orzamentos 2021.

Redución das festas

Por outra banda, é necesario sinalar que o impacto da crise sobre o sector cultura da Coruña vaise ver agravada pola decisión de reducir ao máximo as actividades do mes de agosto. O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, sinalou que “diante da pandemia, todas as precaucións son poucas e o primeiro ten que ser a protección da saúde. O que non entendemos é por que outros concellos galegos están a ser capaces de combinar cultura e saúde pública e o da Coruña non”.

“Dá a sensación de que ó amparo da cautela e do risco para a saúde pública se está a maquillar unha cuestionable, moi cuestionable, xestión da cultura e das festas”, asegurou Martínez. E rematou cunha petición ao goberno municipal “para que non se esqueza do sector da cultura, que escoite, que fale, que informe, e que poña en marcha medidas para mitigar o enésimo impacto sobre a actividade cultural e sobre os centos de postos de traballo que xera”.

Emendas para mellorar a depuración de augas, apoiar o deporte e a cultura locais