Saltar ao contido

María García: “Queremos darlle a volta aos recortes encubertos que o PSOE escondeu na súa proposta unilateral para os convenios e aumentar o apoio ás entidades sociais, culturais e deportivas. E queremos facelo recortando en propaganda”

Empregamos emendas porque Inés Rey pechou calquera opción de diálogo e limitouse a presentar un documento pechado, insuficiente, tardío e tramitado de forma chapuceira


O grupo municipal da Marea Atlántica presentará emendas ao proxecto unilateral do PSOE para a renovación dos convenios coas entidades do terceiro sector en 2021. A nosa voceira, María García, explicou que “en total, rondan o medio millón de euros que buscan recuperar algúns dos recortes encubertos na proposta do goberno, máis de 280.000 euros, e aumentar os recursos municipais a disposición do asociacionismo coruñés nun ano que vai ser moi complicado”. 

O incremento de fondos que poñemos sobre a mesa pode financiarse recortando as partidas de publicidade e propaganda, que Inés Rey multiplicou desde a súa chegada ao goberno. Eses recursos deben centrarse naquelas áreas onde van ser máis necesarios nestes momentos: nas asociacións que traballan con persoas en risco de exclusión e vén unha crecente demanda de recursos, no fomento do dereito á vivenda e no reforzo á cultura como un dos sectores afectados pola crise. Tamén en  proxectos que fomentan valores como a igualdade, a solidariedade e a protección ambiental, que non poden perderse de vista. 

Xa hai máis dun mes que propuxemos incrementar o apoio ás entides sociais, culturais e deportivas, tanto os convenios como as subvencións, porque cremos que os cartos están mellor investidos no terceiro sector que en facerlle propaganda á acaldesa, pero Inés Rey escolleu non facer caso e pechar calquera vía de diálogo”, sinala María García. “Tras unha única conversa, atopámonos cun documento pechado, insuficiente e tramitado de forma chapuceira, como sinala o propio interventor municipal. A Coruña non merece un goberno que actúe así, e menos durante unha crise como a que estamos a vivir”. 

Ante esta situación, levaremos emendas ao Pleno Extraordinario que se celebrará mañá, 24 de febreiro. Un Pleno que, por certo, foi anunciado por Inés Rey nunha emisora de radio na mañá do luns, horas antes de que a oposición recibise a convocatoria formal. Así actúa este goberno, coma unha minoría absolutista.

Dous meses para un trámite de rutina

María García lembrou, unha vez máis, que a aprobación do anexo de convenios ao orzamento municipal é un trámite de rutina que debería ter entrado en vigor o 1 de xaneiro. “Se non foi así é porque a alcaldesa decidiu faltar á súa obriga e non elaborar nin sequera un proxecto de Orzamentos para 2021. Tería os votos para aprobalo, porque conta cunha oposición responsable. Pero en lugar de elaborar unhas contas adaptadas á situación actual, escolleu unilateralmente gobernar coas de 2020, que se deseñaron moito antes da aparición da COVID19 nas nosas vidas”. 

“Inés Rey prorrogou o orzamento para non dialogar, para non ter que sentarse a negociar cos grupos que lle deron a Alcaldía cos seus votos. É unha irresponsabilidade que está a amosar xa as súas primeiras consecuencias”, explica a nosa voceira. “Se un trámite tan sinxelo e evidente como a renovación de convenios levoulles dous meses, que vai pasar o resto do ano? Que vai ocorrer cando precisemos un modificativo para reforzar os servizos sociais? Canto imos ter que agardar”. 

García resumiu a situación lembrando que “Ines Rey goberna cuns orzamentos deseñados en 2019, segue tramitando as axudas do Presco de 2020, e nos vende proxectos para 2027 ou 2028. Pero a xente da Coruña vive en 2021, e non vai ser un ano doado”. Pediulle ao goberno municipal que se centre e aprobe, canto antes, uns orzamentos e unhpola aprobación dus Orzamentos 2021 e dun novo plan de axudas

 

Baixada do billete do bus

A voceira da Marea Atlántica valorou, tamén, a recente sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña, que avala a baixada do billete do bus realizada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2019. “Demóstrase que sempre tivemos razón, que o beneficio da Compañía de Tranvías é desmesurado, tal e como sinala o ditame xudicial, e que baixar a tarifa do bus por primeira vez en 30 anos foi positivo para o transporte público”, argumentou. 

Gráfica cos prezos do bus en A Coruña

Por iso, pediulle a Inés Rey que rectifique e deixe de defender os intereses da empresa, como fixo cando dubidou publicamente de que fose posible para o Concello gañar este proceso xudicial. É o momento de demostralo cumprindo o acordo asinado coa Marea Atlántica en 2019 e implantar novas rebaixas no bus, con tarifas especiais para maiores de 65 anos e menores de 25, fomentando aínda máis a mobilidade sostible, e reformar de xeito integral o mapa de liñas do autobús para dar mellor servizo aos barrios.

Presentaremos emendas para aumentar en medio millón de euros os recursos municipais para o terceiro sector