Saltar ao contido

No documento orzamentario presentado hoxe na Comisión de Facenda non estaba incluído o acordo relativo ao IMCE. Agardamos que se corrixa antes do Pleno deste venres

A Marea Atlántica celebra que o goberno municipal decidise, por fin, escoitar aos sindicatos e incorporar as súas alegacións aos Orzamentos do Concello da Coruña para 2020, aceptando así respectar o Acordo Marco de Persoal, asinado no mes de maio polo equipo de Xulio Ferreiro. Deste xeito, dáselle tamén cumprimento á moción que levamos ao último Pleno ordinario, e que foi aprobada por unanimidade da Corporación.

Porén, o noso representante na Comisión de Facenda, Iago Martínez, abstívose hoxe na votación da proposta definitiva para os Orzamentos 2020 do Concello da Coruña, por non incluír esta os acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE relativos ao IMCE. En concreto, non figura ningunha partida para manter as convocatorias de axudas culturais abertas Xerminal e Cultura de Barrio, nin os fondos precisos para dotar ao Festival Noroeste dunha dirección artística a través dun concurso público, incumprindo o acordado o 23 de decembro.

Ante esta situación, reclamámoslle ao goberno municipal que procure as vías para corrixir este incumprimento do noso acordo, antes de levar os Orzamentos a pleno para a súa aprobación definitiva.

Improvisación permanente

Por desgraza, temos que denunciar unha vez máis que este goberno vive instalado na improvisación permanente, con constantes correccións e cambios de última hora. A Comisión de Facenda comezou hoxe cunha emenda, a enésima, necesaria para incorporar as alegacións da CIG aos Orzamentos.

Celebramos que o goberno acepte as alegacións dos sindicatos aos Orzamentos 2020 e se comprometa co Acordo Marco do persoal municipal