Saltar ao contido

O deputado Xan Xove, do Grupo Común da Esquerda, reuniuse hoxe co grupo municipal da Marea Atlántica para trasladarlle as emendas que benefician á cidadanía coruñesa, por un total de 42 millóns de euros 

Propoñen 3 millóns de euros para unha nova escola infantil, e 4,2 millóns en obras de mellora nos colexios públicos

O deputado Xan Xove reuniuse hoxe con María García, voceira municipal da Marea Atlántica, e os concelleiros Xiao Varela e Alberto Lema, para trasladarlles as emendas relacionadas coa Coruña que o Grupo Común da Esquerda presentou aos Orzamentos da Xunta de Galicia. Suman 42 millóns de euros en proxectos que beneficiarán a veciñanza, entre os que destacan os 20 millóns que Feijóo prometeu para liberar os peiraos interiores da Coruña, pero que quedaron en promesa, segundo o costume do presidente da Xunta. “Estas emendas nacen das propostas que a maioría progresista do Concello da Coruña aprobou no Pleno Extraordinario solicitado pola Marea Atlántica e o BNG para reclamarlle ao goberno galego un maior compromiso coa cidade. Feijóo faría ben en escoitalas”, declarou María García.

O vindeiro martes, 17 de decembro, debateranse os Orzamentos da Xunta no Parlamento de Galicia, coas súas correspondentes emendas. “O PP xa rexeitou as propostas nas comisións previas, pero convidamos ás deputadas e deputados, sobre todo ás da Coruña, a reconsideralo para que a nosa cidade non quede por baixo da media en investimento global e por habitante, para que os proxectos da Xunta sexan algo máis ambiciosos que unha pasarela peonil”, explicou Xan Xove.

Facer realidade as promesas electoralistas

O 18 de abril de 2018, cando aínda gobernaba Rajoy na Moncloa, Feijóo estivo na Coruña para facerse unha foto cos presidentes da Autoridade Portuaria e Puertos del Estado e o ministro de Fomento. Prometeu 20 millóns de euros da Xunta para rescatar os peiraos de Calvo Sotelo e Batería das tentacións especuladoras, dos que nunca máis se soubo. Por iso, reclamámoslle que cumpra a súa palabra e os faga realidade nos Orzamentos para 2020.

Ademais, proponse reservar 3 millóns de euros para a construción dunha nova escola infantil na Coruña, para complementar a oferta da rede municipal de ensino de 0-3 anos, e dar resposta á crecente demanda de prazas.

Desde o Grupo Común da Esquerda tamén se reclaman 4,2 millóns de euros para obras de mellora nos centros públicos da cidade, moi necesarias nos CEIP San Francisco Xavier, Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía, María Pita e Zalaeta, entre outros. Nestas partidas tamén se inclúen os patios cubertos que a Xunta lle debe a sete colexios desde 2006, incumprindo un convenio asinado co Concello.

Tampouco se esquecen as emendas da Intermodal, practicamente ignorada no proxecto orzamentario do goberno galego. Deberían reservárselle un mínimo de 2 millóns para impulsar a construción da nova estación de autobuses e remediar o bloqueo que a conselleira Ethel Vázquez mantivo durante os últimos catro anos.

As propostas do Grupo Común da Esquerda tamén inclúen a construción de vivendas públicas no Ofimático (1 millón de euros),  coordinación na mobilidade metropolitana (1 millón) , estudo inicial para constituír a Área Metropolitana da Coruña (750.000 €), o proxecto para conectar Alvedro coa AP9 (500.000 €),  reformas nos centros de saúde e proxecto dun novo na Falperra (400.000€) ou a adaptación da canceira á Lei de Benestar Animal (240.000€), E apuntan proxectos no conxunto de Galicia, que tamén beneficiarán á Coruña, para a construción de escolas infantís, fomento da vivenda pública, áreas metropolitanas e mellora das frecuencias no transporte público.

Lémbrase Feijóo dos 20 millóns para o bordo litoral? Emendas aos Orzamentos da Xunta