Saltar ao contido

O grupo municipal da Marea Atlántica enviou hoxe unha carta a todas as deputadas e deputados da circunscrición da Coruña no Congreso, trasladando unha serie de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado, que suman 250 millóns de euros máis para investimentos na cidade e a súa área metropolitana. Temos a esperanza de que poidan terse en conta na tramitación parlamentaria destes Orzamentos nos que, polo de agora,  o único que cabe celebrar é que por fin se vaia dar comezo á rexeneración da ría do Burgo, pero pouco máis.

“O máis grave, sen dúbida, é a ausencia de dotación económica para a construción da conexión ferroviaria de Punta Langosteira, que se suma á negativa a condonar a débeda que arrastra a Autoridade Portuaria da Coruña, nunha situación financeira complexa, con Puertos del Estado. Pero o agravio esténdese aos principais investimentos en materia viaria e ferroviaria, que retroceden varios anos sobre as previsións contidas en orzamentos anteriores, e outros equipamentos pendentes”, sinala a nosa voceira, María García.

  1. Condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña (200 millóns): Demandamos a condonación do empréstito nominal de 200 millóns de euros concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, mediante a incorporación aos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 dunha disposición adicional análoga á prevista (101a) para a asunción da débeda do Consorcio Valencia 2007.
  2. Participación no futuro consorcio para a recuperación dos peiraos interiores da Coruña (1 millón). Demandamos un compromiso expreso por parte do Estado, mediante disposición adicional nestes Orzamentos Xerais, de que se incorporará a un futuro consorcio público que asuma a titularidade e a xestión dos terreos portuarios da Coruña, para o que deberá habilitarse crédito axeitado e suficiente, cando menos 1 millón de euros, para o vindeiro exercicio.
  3. Conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira (25 millóns). Demandamos a incorporación ao anexo de investimentos da conexión ferroviaria ao Porto Exterior de Punta Langosteira e a asunción dunha previsión económica plurianual, a comezar no exercicio de 2021 con 25 millóns de euros. O acceso dispón de proxecto e a Declaración de Impacto Ambiental corre o risco de caducar de non se iniciar canto antes a súa execución.
  4. Construción da pasarela de Pedralonga sobre a AC-11 (850.000 euros). Demandamos que se recolla, como compromiso de execución inmediata da obra, unha partida específica de 850.000 euros para a pasarela de Pedralonga, proxecto separado do máis global para a Avenida de Alfonso Molina que debe estar xa listo para a súa licitación.
  5. Humanización da Avenida da Vedra (1,3 millóns). Demandamos que se dispoña o crédito axeitado e suficiente para comezar en 2021 a execución das obras de humanización da Avenida de Alfonso Molina, seguindo o proxecto desenvolvido e preparado durante o pasado mandato de común acordo entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento.
  6. Incorporación ao Consorcio para a Promoción da Música (1 millóns). Demandamos que o Ministerio de Cultura se incorpore ao Consorcio para a Promoción da Música, nunha situación delicada polo reiterado incumprimento dos seus compromisos económicos por parte da Xunta de Galicia, cunha contribución de, cando menos, 1 millóns de euros.
  7. Construción do Vial 18 para conectar a Terceira Rolda (AC-14) coa AP-9 (3 millóns). Demandamos que se recupere o investimento previsto no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, de 3 millóns de euros, para a construción deste enlace, cuxo proxecto está listo.
  8. Aposta polo ferrocarril de proximidade (10 millóns). Demandamos que o orzamento destinado á mellora das conexións ferroviarias da Coruña se incremente até, cando menos, os 10 millóns de euros, que se acelere a construción do by-pass de Piadela e que se avance na creación dun verdadeiro servizo de proximidade para a cidade e a súa área metropolitana.
  9. Rehabilitación da sede da Real Academia Galega (800.000 euros). Demandamos que se adianten os prazos previstos no proxecto para as obras de rehabilitación da sede da Real Academia Galega na Cidade Alta coruñesa, cun compromiso plurianual que comece con 800.000 euros para 2021.
  10. Investimento para a rehabilitación do antigo cárcere provincial (2,5 millóns) e cesión gratuíta ao Concello. Demandamos que se resolva canto antes a situación do antigo cárcere provincial, nunha situación moi delicada e un avanzado deterioro, para o que resulta imprescindible a súa cesión gratuíta ao Concello da Coruña e o investimento de 2,5 millóns na súa rehabilitación para usos cívicos.
  11. Plan de acción do aeroporto de Alvedro e mellora das súas conexións cos sistemas xerais viarios (5 millóns). Demandamos que no trámite de emendas parciais se dote con 5 millóns un plan de acción para o aeroporto de Alvedro, que está a acusar a crise derivada da COVID19 logo de varios anos de crecemento continuado, e para o impulso das súas conexións cos sistemas xerais viarios.

A Marea Atlántica traslada emendas aos Orzamentos do Estado por valor de 250 millóns de euros.