Saltar ao contido

María García: “Desde o conformismo e a pasividade que están a amosar o PP e o PSOE locais non imos conseguir nada. Hai que denunciar o maltrato que está a sufrir a área coruñesa, un dos motores económicos de Galicia”

As contas do Estado renuncian a condonación da débeda do porto e ignoran proxectos longamente prometidos, coma a humanización da avenida da Vedra e o tren de proximidade 

O presuposto da Xunta é un exercicio de propaganda electoral, con compromisos que serán imposibles de cumprir pola falta de tramitación e de acordos políticos

A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno dúas mocións para reclamar melloras no maltrato ao que someten á Coruña os Orzamentos do Estado e da Xunta, que chegan de gobernos de distinta cor, pero unidos pola súa falta de compromiso coa área coruñesa. As nosas propostas suman uns 300 millóns de euros tanto en novos proxectos coma na recuperación de promesas incumpridas. 

María García, a nosa voceira, presentou hoxe estas iniciativas en rolda de prensa e salientou que: “Ambos os dous proxectos presupostarios, coñecidos nos últimos días, deixan no aire infraestruturas e proxectos estratéxicos polos que esta cidade leva anos, se non décadas, agardando”. E explicou que ademais destas mocións, enviáronselles cartas ás representantes políticas da provincia da Coruña tanto no Congreso coma no Parlamento de Galicia. 

García, lamentou “o conformismo e a compracencia que tanto o PSOE coma o PP locais amosan ante unhas contas inxustas non van servir para nada. Se cadra, só é un intento de disimular a súa actual falta de peso político. Pero é o momento de denunciar o maltrato que sofre A Coruña, un dos motores económicos de Galicia, para tentar corrixilo mentres os orzamentos estean aínda en proxecto e poidan facerse achegas. Logo será demasiado tarde”. 

Orzamentos do Estado: a nada tras o tren ao porto exterior

No caso do Estado, preténdese que un único investimento, 170 millóns de euros de fondos europeos para o ferrocarril a Punta Langosteira, xustifique que non existan outros investimentos. “Benvido este proxecto pagado cos fondos europeos Next Generation, que vira a corrixir a anomalía de ter deseñado un porto industrial sen tren. Pero non pode ser a escusa para facernos esquecer outros proxectos igualmente necesarios”. Reclamamos que se asuman estes compromisos, por un valor aproximado de 220 millóns de euros:

  • Condonación da débeda do porto: Demandamos a condonación  do préstamo nominal de 200 millóns de euros concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, mediante a incorporación aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 dunha disposición adicional análoga á da débeda do Consorcio Valencia 2007 nos de 2021. Se alí foi posible, aquí tamén.
  • Participación no futuro consorcio para a recuperación dos peiraos interiores da Coruña. O Estado debe amosar un compromiso expreso de incorporarse, con achega financeira, ao futuro ente público que asuma a titularidade e a xestión dos terreos portuarios da Coruña.
  • Humanización da avenida da Vedra: Crédito axeitado e suficiente para comezar en 2022 a execución das obras de humanización da Avenida da Vedra, seguindo o proxecto desenvolvido e preparado durante o pasado mandato de común acordo entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento.
  • Aposta polo ferrocarril de proximidade:. No proxecto orzamentario inclúese un investimento para a liña Coruña-Ferrol, pero sen dotación orzamentaria para 2022 e cuns insuficientes 58.000 € para 2023. Reclamamos  a mellora das liñas Coruña-Ferrol, Coruña-Lugo e do xa célebre by-pass de Betanzos, cun investimento que debería comezar por 10 millóns de euros en 2022 e incrementase nas vindeiras anualidades, por seren actuacións estratéxicas para Coruña e para Galicia.
  • Rehabilitación do antigo cárcere provincial e cesión gratuíta ao Concello. Demandamos que se resolva canto antes a situación do antigo cárcere provincial, e se free o avanzado deterioro, para logo cederllo ao Concello para a súa dinamización.
  • Vivenda e Rehabilitación: Debe incrementarse a cifra prevista en 2022 para a construción de vivenda en aluguer social, e coa  rehabilitación urbana, que baixa un 10,4% no eido global. 
  • Demandamos que o Ministerio de Cultura se incorpore ao Consorcio para a Promoción da Música, nunha situación delicada polo reiterado incumprimento dos seus compromisos económicos por parte da Xunta de Galicia, cunha contribución de, cando menos, 1 millón de euros.

Orzamentos da Xunta: case un programa electoral

No caso dos Orzamentos da Xunta, cualificados co estilo hiperbólico habitual de Feijóo, máis ca uns Orzamentos, parecen un programa electoral. “Están compostos de promesa rodantes, que sempre aparecen pero nunca se cumpren, coma as obras do CHUAC que levan pendentes desde 2010; e de promesas imposibles de cumprir, porque non teñen os proxectos tramitados (centro de saúde en Santa Lucía) ou porque dependen de acordos políticos que aínda non se pecharon (compra de terreos no porto interior). Neste sentido, reclamamos as seguintes melloras que suman, aproximadamente, uns 80 millóns de euros. 

  • Redirixir os fondos para a adquisición de Bateria e Calvo Sotelo á constitución dun consorcio ou ente público con todas as administracións competentes. Non ten sentido mercar con fondos públicos o que xa é público. O uso cidadán dos terreos xa é posible nas condicións actuais, como demostran os eventos dos últimos días. Os 20 millóns de euros que Concello e Xunta pretenden enterrar no porto son precisos para atender os barrios.
  • Investimento nos centros de ensino. Á falta de persoal docente súmaselle o déficit en obras básicas: os colexios Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta seguen agardando que se cumpra o convenio de 2006 para dotalos de patios cubertos.
  • Maior investimento en Atención Primaria: Malia ás necesidades derivadas da pandemia, chegan máis recortes para a sanidade pública e a súa primeira liña de defensa, a Atención Primaria. Segue sen recuperarse a presencialidade, e segue existindo unha fonda na carencia de persoal e medios nos centros de saúde.
  • Supresión do copago no Servizo de Axuda no Fogar. Unha medida inxusta que afecta a milleiros de fogares vulnerables en Galicia.
  • Indemnizacións a mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo, que terán que deixar de traballar mentres duren as obras de dragaxe (se é que por fin se executan). Que Estado e Xunta pasen a pelota entre eles non é solución.
  • Autoridade Única de Transporte que mellore a mobilidade e a conectividade dentro da área metropolitana da Coruña.
  • Albergue de peregrinos para fomentar o Camiño Inglés, outra gran promesa de 2019, fica tamén desaparecido precisamente en plena campaña do Xacobeo.

Por todo isto, imos presentar dúas mocións no Pleno deste xoves, procurando que unha maioría da Corporación apoie estas propostas e poidan ser trasladadas tanto ao Congreso coma ao Parlamento de Galicia, e ser tidas en conta no trámite parlamentario dos orzamentos autonómicos e estatais. Desde o conformismo e o aplauso gratuíto que ofrecen PP e PSOE, cada un para a súa cor,  A Coruña non vai recibir o que merece.

Reclamamos desde o Pleno, medidas que suman 300 millóns para A Coruña nos Orzamentos da Xunta e o Estado