Saltar ao contido

No Pleno deste xoves propoñemos a creación dun Consello Local da Lingua e darlle estabilidade ao futuro Plan de Normalización Lingüística para que non dependa dos periodos electorais

Demandamos tamén que se amplíen as funcións do Servizo de Normalización Lingüística e se dote de maior orzamento

A Marea Atlántica propón que o Concello da Coruña se dote dun Consello Local da Lingua e que este foro cívico, técnico e político lle dea o maior respaldo posible ao futuro Plan de Normalización Lingüística, que debera ter unha vixencia mínima de cinco anos para non estar sometido aos periodos electorais. É unha das propostas que figurarán nas emendas que o noso grupo municipal presentará no pleno deste xoves no debate de aprobación inicial da ordenanza do uso do galego.

Esta ordenanza, que toma como base o excelente traballo desenvolvido polo Servizo de Normalización Lingüística durante o pasado mandato, será sen dúbida un paso adiante no Concello. Celebramos, neste sentido, que o PSOE rectifique a posición de bloqueo que mantivo durante os catro anos de goberno da Marea Atlántica e impulse agora a ordenanza. Lamentamos, iso si, que se faga atropeladamente, sen a consulta pública previa que prescribe a lei, con trámites e informes de urxencia e aprobándoa fóra da orde do día na Xunta de Goberno Local.

Para ir un paso máis alá do proposto e con ánimo construtivo, as nosas emendas tamén suxiren que a obriga de usar a lingua propia de Galicia non se lle aplique só ao goberno local e os seus altos cargos, senón ao conxunto da Corporación, e que se reforce o Servizo de Normalización Lingüística con funcións de asesoramento á administración local e máis recursos, nunca inferiores ao 1% do orzamento anual do Concello.

Tramitación ás presas, o selo deste goberno municipal

Por desgraza, a ordenanza chega ao debate plenario sen consenso previo entre as forzas políticas representadas na Corporación, con erros materiais no seu articulado e con tres informes xurídicos contraditorios: o da Asesoría Xurídica do Concello, o preceptivo da Secretaría Xeral do Pleno e un terceiro contratado de urxencia polo goberno local a un equipo de docentes da Universidade da Coruña.

Malia a esta situación caótica, algo xa habitual no goberno municipal e que prexudica tanto o labor da oposición como o funcionamento ordinario do Concello, na Marea Atlántica fixemos un esforzo para elaborar estas emendas nun tempo récord. Entendemos que a ordenanza pode ser unha ferramenta útil para a promoción da lingua e a nosa responsabilidade é mellora na medida do posible.

A Marea Atlántica presentará emendas á ordenanza do uso do galego para mellorala