Saltar ao contido

Solicitaremos que o pagamento se condicione a unha depuración previa do expediente na que se aclare que  responsabilidades recaen no Concello e cales na empresa

O grupo municipal da Marea Atlántica, coa intención de defender os intereses municipais, presentará unha emenda ao modificativo de crédito que o goberno municipal levará mañá a un Pleno Extraordinario, relacionada co presunto sobrecusto das obras do Estadio de Riazor. Solicitaremos que o pagamento da factura de 943.000 euros presentada pola empresa responsable dos traballos se condicione a unha depuración previa do expediente na que se dirima que gastos son imputables ao Concello e que gastos deben ser imputados á empresa contratista.

Deste xeito, a aprobación do suplemento de crédito no pleno deste 31 de xullo non suporía automaticamente o pagamento da factura. Primeiro sería necesario concluír a investigación e solicitar todos os informes necesarios, sexan técnicos, sexan orzamentarios, tanto internos como, se procede, externos. Cómpre lembrar que a adxudicataria foino ao mesmo tempo da redacción do proxecto e da execución das obras.

Tras negociar co goberno municipal, acordamos que esta é a vía que mellor defende o interese xeral da Coruña, xa que impón a prudencia na valoración do presunto sobrecusto sen impedir o recoñecemento extraxudicial e o pagamento de facturas pendentes de anos anteriores, tamén incluídos no modificativo. Desde a Marea Atlántica queremos fuxir do bloqueo partidista do que abusou a oposición no mandato anterior.

Contamos con que o Partido Socialista apoiará esta emenda no Pleno, na medida en que a emenda introduce maiores garantías ante o pagamento de case un millón de euros das arcas municipais. Os cartos públicos deben xestionarse sempre desde o sentido común.

Defendemos o interese municipal no caso do presunto sobrecusto da obra de Riazor