Saltar ao contido

Marea Atlántica, BNG e PP asinan unha proposta conxunta para darlle á Axenda Urbana o carácter que merece: é un proxecto de cidade que vai máis alá dos intereses dun goberno

Desde o noso grupo municipal, impulsamos tamén una emenda para instar o Porto a protexer a Lonxa do Gran Sol e completar a salvagarda do patrimonio no primeiro semestre de 2021

A Marea Atlántica, o BNG e o PP, todos os grupos da oposición no Concello da Coruña, veñen de rexistrar unha emenda conxunta á reactivación do proceso de confección da Axenda Urbana da Coruña, que irá mañá a Pleno logo de ser iniciado no pasado mandato, a finais de 2018 e de xeito pioneiro no Estado. Serve para corrixir a proposta do goberno, abusiva para un executivo en minoría, e facela máis aberta, participativa e plural, tanto para a oposición como para os principais axentes económicos e sociais da cidade. 

Cómpre lembrar que a elaboración da Axenda Urbana 2030 é un proxecto de cidade, que irá moito máis alá dun mandato e do propio Concello, e que debe ter vocación de continuidade alén dos intereses dun goberno concreto. Como sinala o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “a Axenda Urbana vai ser fundamental para a captación de fondos europeos, a participación no plan de reconstrución tras a pandemia e outros asuntos. É un proxecto de carácter estratéxico, e por iso é clave que sexa participado”. 

Por este motivo, a emenda presentada por Marea, BNG e PP inclúe a reforma do Consello Social, un órgano necesario para as cidades do tamaño da Coruña. Este consello nunca foi activado, pero foi deseñado previamente no Regulamento Municipal de Participación cun modelo xa obsoleto. “Queremos darlle un toque de atención ao goberno para que saia do seu ensimesmamento e escoite, tanto á oposición como á veciñanza”, di Iago Martínez. 

Catálogo de Edificios Protexidos

Doutra banda, o grupo da Marea Atlántica vén de rexistrar unha emenda á proposta de ampliación do Catálogo de Edificios Protexidos do PXOM con dez elementos novos. Amosamos o noso apoio a este procedemento, necesario para coidar do patrimonio da Coruña, aínda que lamentamos o seu carácter restritivo, porque deixa fóra moitos dos elementos que estaban na proposta orixinal, aprobada inicialmente a finais de 2018 polo Pleno da Corporación a iniciativa do goberno de Xulio Ferreiro. 

O que irá mañá a Pleno é unha separata de urxencia, necesaria porque este mesmo xoves remata o período de suspensión de licenzas decretado hai agora dous anos. Preocúpanos a protección dos inmobles non incluídos e, a través da emenda, pedimos un compromiso de que o traballo de protexelos vai continuar e vai ser levado a pleno no primeiro semestre de 2021. 

Coa nosa proposta tamén procuramos reforzar os argumentos para a protección da Lonxa do Gran Sol, edificio de Eduardo García de Deus e Félix Calderán Gaztelu datado en 1960, cun innegable valor patrimonial. Está incluído no catálogo  da Fundación DO.CO.MO.MO Ibérico (Documentation and Conservation of buildings, sites and neighbourhoods of the Modern Movement). Defendemos a capacidade do Concello para protexer este inmoble, e instamos á Autoridade Portuaria a facelo tamén por si mesma, modificando o Plan Especial de Ordenación da Zona de Servizo do Porto da Coruña. 

Todos os grupos da oposición rexistran unha emenda conxunta para facer máis participativo o proceso da Axenda Urbana