Saltar ao contido

Levaremos a Pleno unha moción instando ao goberno local a rectificar esta privatización, que elimina 95 prazas da rede pública municipal

A pesar das numerosas e repetidas advertencias, o curso comeza coas escolas infantís municipais ofrecendo só seis horas de ensino gratuíto, dúas menos que as financiadas pola Xunta


A Escola Infantil Carmén Cervigón deixou de ser parte da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) desde o día 1 de setembro deste ano, segundo foron informadas o pasado venres as familias que se matricularan nela para este curso. Polo tanto, este centro está agora xestionado exclusivamente pola Institución Benéfico Social Padre Rubinos e pasa a ser 100% privado. No vindeiro Pleno, este xoves 8 de setembro, defenderemos unha moción na que instamos ao goberno local a reconsiderar esta decisión e reintegrar á Escola Infantil Carmen Cervigón novamente na REIM.

O cambio, que segundo se publicou na web do Concello foi “de mutuo acordo” entre o goberno local e Padre Rubinos, supón que a rede pública de escolas infantís municipais perda 95 prazas, un 11,5% das dispoñibles, e que as familias que agardaban educar ás súas crianzas nun centro público agora teñan que facelo nun privado. Para coñecer os motivos do goberno nesta decisión, difícil de xustificar, rexistramos tamén unha batería de preguntas de resposta escrita. 

Ademais, a Carmen Cervigón xa cambiou o seu regulamento, distanciándose do da REIM e renunciando ao galego como lingua vehicular do ensino, e afastándose de materias coma a igualdade ou o respecto ambiental. “O acceso a esta escola seguirá sendo de balde, no marco do sistema amparado pola Xunta de Galicia, pero carecerá dos valores propios do ensino público”, denuncia a concelleira Silvia Cameán. 

 

O goberno local comeza o curso cos deberes sen facer

O certo é que o curso comeza sen que o goberno local levase a cabo as medidas necesarias para garantir que as escolas infantís municipais ofrezan oito horas de ensino gratuíto en lugar de seis, para igualar o servizo da Xunta de Galicia. 

“A pesar das moitas e repetidas advertencias, unha medida como a gratuidade do ensino de cero a tres anos, que foi pioneira na Coruña grazas á iniciativa da Marea Atlántica, queda agora un paso atrás”, explica Silvia Cameán. No Pleno de xuño presentamos un rogo trasladando as demandas da ANPA da EIM Caracola, e no de xullo foi aprobada por unanimidade unha moción con propostas para chegar ás oito horas de atención na REIM, pero o verán pasou sen ningún avance. 

Unha volta ao cole marcada pola inflación

Finalmente, na nosa moción recollemos o enorme impacto que está a ter a inflación nesta volta ao cole, con subas de ata un 20% no prezo do material escolar, algo que moitas familias non van ser quen de asumir. 

Nestes momentos de crise é cando as institucións teñen que dar un paso adiante para apoiar á cidadanía, e por iso na moción tamén instamos ao goberno local a desenvolver unha liña de axudas para facer este inicio de curso máis doado nos fogares con dificultades económicas. A nosa man está tendida para poñela en marcha.

Denunciamos que a escola infantil Carmen Cervigón abandona a rede municipal e pasa a ser de xestión privada