Saltar ao contido

Silvia Cameán: “A Xunta tería que respectar o calendario e ofrecer reforzos educativos, en lugar de seguir deteriorando o ensino público tras máis unha década de recortes”

Varios colexios públicos da Coruña seguen agardando polos patios cubertos que o goberno galego lles prometeu en 2006

A concelleira Silvia Cameán mantivo esta semana unha xuntanza con representantes da Confederación Galega de ANPAS de Colexios Públicos (CONFAPA) para coñecer as súas necesidades ao remate dun curso académico atípico e marcado pola pandemia. Nesta cita, expresou o seu apoio á reivindicación de CONFAPA e pediulle á Consellería de Educación da Xunta que “recapacite e manteña a convocatoria de exames en setembro para non prexudicar ao alumnado e deteriorar o ensino público”. 

Cameán explica que a Xunta de Galicia decidiu, sen ter en conta a opinión das familias, trasladar a xuño a convocatoria de exames extraordinarios que se celebra normalmente en setembro, “sen motivos xustificados, sen probas de que mellore os resultados académicos e privando ao alumnado dunha oportunidade de mellorar os seus resultados tras un curso especialmente duro”. CONFAPA defíneo, non sen razón, coma unha reforma educativa encuberta, aproveitando a situación sanitaria. 

Ademais, mover os exames a xuño supón a perda de dúas semanas lectivas nun curso xa de por si bastante comprimido, privando de recursos educativos a todo o alumnado, aprobe ou suspenda. “O que debería facer o goberno galego é manter o calendario e introducir medidas de reforzo educativo para que o estudantado que precise a recuperación de setembro sexa cada día menos. Non pode seguir mallando na educación pública, un dereito fundamental para a cidadanía, xa moi estragada por unha década de recortes”, conclúe Cameán. 

A débeda dos patios cubertos

Doutra banda, Cameán tamén se entrevistou estes días coa ANPA do colexio público Alborada, como parte desta rolda de encontros coa comunidade educativa. E puido constatar que neste curso tampouco se produciu ningún avance para dotar a este centro do patio cuberto que a Xunta se comprometera a construír en 2006. Nesa data, o goberno autonómico e o Concello da Coruña asinaron un convenio que obrigaba ao executivo galego a cubrir os patios de varios colexios nun prazo de tres anos. Estamos en 2021, nunha data na que as restricións sanitarias fixeron máis valioso ca nunca o espazo ao aire libre, pero Feijóo segue incumprindo os seus compromisos co ensino público.

Pedímoslle á Consellería de Educación que recapacite e manteña os exames de setembro para non prexudicar ao alumnado