Saltar ao contido

A Coruña foi pioneira en 2018 na posta en marcha dunha Axenda Urbana alineada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas 

Tanto a Estratexia de Infraestrutura Verde como as Bases de Acción Exterior, as primeiras impulsadas por un concello en Galicia, levan todo o mandato nun caixón

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno de Inés Rey que retome a planificación estratéxica do Concello impulsada no pasado mandato tras dous anos sen apenas avances nesta materia. O caso máis destacado é a Axenda Urbana Coruña Próxima 2030, que se puxo en marcha de forma pioneira a finais de 2018 e que acumula un atraso considerable. O mesmo sucede coas Bases de Acción Exterior (BAEX) e coa Estratexia de Infraestrutura Verde. Un desleixo preocupante, que deixa en evidencia a falta de proxecto e iniciativa deste executivo local, centrado só no curto prazo e falto dun modelo de cidade. E que nin sequera está a ser capaz de aproveitar o traballo que lle chega como herdanza do pasado mandato.

En 2018, con Xulio Ferreiro como alcalde, A Coruña foi unha das primeiras cidades do Estado en impulsar a elaboración dunha Axenda Urbana propia, alineada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas e comprometida coa continuidade das liñas marcadas no plan DUSI, co que a administración local obtivo 15 millóns de fondos europeos que deben executarse antes de decembro de 2023. 

Naquel ano, o Concello da Coruña abría camiño e mantiña unha relación bilateral tanto co Goberno do Estado coma con ONU-Hábitat. Agora, tras a reformulación realizada polo PSOE, o proxecto perde o liderado e nin sequera foi dos máis valorados na última convocatoria de axudas do Ministerio de Transportes Mobildiade e Axenda Urbana, dotada con 250.000 euros. Agardamos que, polo menos, o goberno local lle dea un bo uso a estes fondos. 

Desde que goberna Inés Rey, este proceso de elaboración da Axenda Urbana foi ao Pleno unha soa vez, en decembro de 2020, nunha proposta que adoecía de falta de participación, e que foi emendada por todos os grupos da oposición a iniciativa da Marea Atlántica. Desde aquela apenas se produciron avances. O último que se soubo foi que Inés Rey mantivo un encontro co ex-ministro José Luis Ábalos na que asinaron un convenio para “definir o modelo de cidade”.

O Plan Estratéxico de Acción Local, necesario para a aplicación práctica da Axenda Urbana, debería estar en marcha neste 2021, pero a mediados de novembro nin sequera botou a andar. E a Estratexia de Infraestrutura Verde segue gardada nun caixón desde maio de 2019, a pesar de que A Coruña ten un grave déficit no acceso a parques e xardíns. O mesmo acontece coas Bases de Acción Exterior (BAEX), unha experiencia pioneira na administración local galega que se puxo en marcha no pasado mandato en colaboración co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

Novas liñas de traballo: Plan polo Dereito á Vivenda

Así nin se están a aproveitar as liñas de traballo estratéxico trazadas no pasado mandato,  nin se están a fixar outras novas, nunha evidente falta de iniciativa. Unha destas liñas de futuro debería ser o Plan Municipal polo Dereito á Vivenda, que forma parte das negociacións entre a Marea Atlántica e o PSOE. E que debería aprobarse en breve para dar resposta aos problemas de acceso a unha vivenda digna na Coruña.

Este traballo estratéxico é imprescindible para afrontar os grandes retos de cidade, que non caben nun mandato de catro anos: a mobilidade, a loita contra a crise climática, a vivenda, o crecemento urbano ou a creación da área metropolitana, entre outros moitos. Cuestións que non sempre dan para unha foto, pero que determinan o futuro da Coruña. Por iso lle pedimos ao goberno local que mire máis aló do curto prazo. 

O goberno local ten que retomar a planificación estratéxica do Concello tras dous anos sen apenas avances