Saltar ao contido

Pasou un ano e o caos que anunciaran non chegou. No seu lugar hai un goberno que mira pola xente, escoita e cumpre os seus compromisos

A Marea Atlántica amosa que é viable un proceso liderado pola cidadanía, no que os partidos -Podemos, Anova, Esquerda Unida e Espazo-Equo- cooperen en pé de igualdade

Hai un ano e un día, Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña. Colleu o bastón de mando e sacouno á rúa, acompañado das outras nove concelleiras e concelleiros da Marea Atlántica, o novo goberno da cidade. Hai un ano e un día materializouse a vontade popular. A xente votou cambio, aire fresco, honestidade e participación. Abríronse as portas e ventás de María Pita, e a praza entrou no pazo, acompañada da ilusión. Doce meses despois, alí segue. O bastón segue na rúa, o sorriso non se borrou do rostro da cidadanía. A ilusión segue intacta.

Comezaron a cumprir desde o minuto cero. Cando aínda non levaba 24 horas no cargo, Xulio Ferreiro rexeitou ir a Lugo para participar no acto relixioso da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, respectando a laicidade do Concello, tal e como figuraba no programa da Marea Atlántica. No seu lugar, acudiu á homenaxe á matemática coruñesa María Wonenburger, muller e científica.

A súa primeira xuntanza como alcalde non foi coa banca nin coa patronal, senón coa plataforma veciñal Salvemos o Parque de Bens. E nada máis tomar posesión dos seus cargos, o equipo de goberno acordou baixarse os salarios para respectar o Código Ético co que se comprometeran. Este executivo cústalle ás arcas públicas case a metade que o de Carlos Negreira.

Doce meses despois, o goberno local segue a cumprir. Onte mesmo aprobouse a Renda Social Municipal, unha das principais medidas deste mandato, que procura axudar ás persoas en situación máis vulnerable, aquelas ás que a inhumana política económica das últimas décadas puxo ao borde da exclusión social. E hai menos dunha semana iniciouse o camiño para remunicipalizar a xestión de todas as bibliotecas da rede do Concello, unha medida que aumentará a eficiencia dun servizo esencial e permitirá aforrar medio millón de euros.

Moitos outros compromisos cumpríronse neste período: respecto pola Memoria Histórica, eliminación dos vertidos contaminantes, retirada dos cartos públicos ás touradas, publicación do IRPF dos e das concelleiras, creación de canles de participación coma o Dillo Ti, o Escano Cidadán ou os Orzamentos Participativos… Un 35% do programa electoral xa se fixo realidade, mentres que outro 50% está en marcha. Só un 15% fica aínda sen desenvolver, pero haberá tempo ata o final do mandato.

Confluencia e cooperación

10497082_843388525672943_6156308081337940687_oAlén do Pazo de María Pita, a Marea Atlántica, como plataforma cidadá, tamén cumpre. Centos de persoas, en todos os ámbitos da cidade, manteñen a súa estrutura viva e activa. Coma sempre, aberta, construída en común e sen hipotecas, sen favores que pagar nin contas pendentes que limiten a súa acción. E co apoio claro de Anova, Esquerda Unida, Podemos e Espazo-Equo, demostrando que é posible a confluencia e a cooperación. Con debate interno e visións plurais, pero unidos cara un obxectivo claro: ser a voz da xente, defender os intereses do 99% fronte aos da minoría insolidaria que leva demasiadas décadas marcando a axenda e as políticas. Claro que era posible, se traballamos coa forza das mareas.

Os de sempre, os tristes, anunciaran o caos. Mais o caos non chegou. No seu lugar, apareceu o imposible. O que dicían que era imposible fíxose moitas veces. Gañar era unha tolada, a participación era inviable, a laicidade, a transparencia, a xustiza social e o uso normal do galego eran impracticables. Era impensable cooperar con outras cidades en vez de competir, nunca funcionaría que varios partidos cooperasen entre si nun proxecto liderado pola cidadanía. Pero ao final, “o imposible” era cuestión de vontade. Simplemente, non quixeran.

Case dous anos despois da súa presentación oficial, e transcorridos xa doce meses de goberno en María Pita, a Marea Atlántica segue adiante, en común, cos obxectivos claros, o sorriso por diante e a ilusión intacta. Porque aínda queda moito que facer. E para iso hai Marea!

Doce meses coa ilusión intacta