Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

“Excelentísimas e ilustrísimas autoridades. Compañeiros e compañeiras da corporación. Traballadores e traballadoras do Concello. Veciños e veciñas da Coruña. Xentes que nos escoitan a través da rede coa mesma emoción coa que falamos neste salón de plenos.

Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña.

Esta cidade recuperou a ilusión e a dignidade. Os coruñeses e as coruñesas temos outra vez un sorriso na cara. A praza de María Pita está agora mesmo ateigada de xente que ve diante de si unha oportunidade histórica. Unha oportunidade para facerse cargo do presente e construír un futuro mellor para todas e para todos. A xente da Coruña, hoxe, volver ser protagonista da súa propia vida.

Comeza un tempo novo na nosa cidade. A Coruña deixa de ser un couto privado e o seu Concello pasa a converterse nunha ferramenta ao servizo do benestar de máis de 250.000 persoas. Deixamos de ser o patio traseiro dos señores da desigualdade para poñernos á cabeza da primavera democrática que atravesa Europa. Estamos, de novo, como tantas outras veces na nosa historia, na vangarda do cambio.

Esta corporación parécese como ningunha outra á cidade que eu coñezo. Hai xente esta mañá camiñando polos corredores de María Pita que se parece á xente coa que me atopo día a día no meu barrio da Gaiteira ou na bancada de General. Xente, por certo, que nunca puxera un pé neste Concello. Xente que non se recoñecía neste Concello. Coido que aínda non somos plenamente conscientes da importancia que isto ten: hai xente hoxe aquí, neste salón de plenos, que nunca fora convidada a entrar na súa propia casa. Nin sequera como espectadora.

É a segunda vez que eu mesmo accedo a este salón de plenos. A primeira, hai apenas unhas semanas, accedín como un intruso. Sentinme así. Como alguén que non ten dereito a entrar e que ao entrar contrae unha débeda con quen llo permite. Hoxe, polo contrario, calquera pode seguir o que aquí acontece a través de internet. E moi pronto, o antes que poidamos, calquera veciño e calquera veciña da Coruña poderá facerse escoitar aquí, no seu salón de plenos.

Hai outra razón pola que esta corporación se parece máis ca ningunha outra á Coruña que eu coñezo. Porque é unha corporación diversa e solidaria que comeza catro anos de convivencia, de diálogo, de debate honesto, de pluralidade e de respecto pola diferenza. Catro anos de sentidiño e unidade, estou convencido, arredor das cuestións que importan: as que afectan á vida da maioría da xente da Coruña, a xente que padece o desemprego, a pobreza, a mingua dos seus dereitos, a falta dun horizonte de vida para os seus. Debémonos á xente. Esa é a única débeda que importa. Esta corporación saberá estar á altura do tempo que vivimos. Saberá, e aí atopará sempre ao novo goberno, conformar as maiorías necesarias para rehabilitar a dignidade deste Concello respondendo ás necesidades da xente. Garantindo, para todas as coruñesas e todos os coruñeses, as condicións básicas dunha vida digna. Porque cada desafiuzamento, cada persoa que pasa frío ou fame, cada persoa varada no desemprego, cada persoa obrigada a emigrar, é unha derrota de todos. Un síntoma de desafiuzamento moral.

Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña. Hoxe irrompe unha nova maneira de gobernar. Un goberno da xente e para a xente. Un goberno transparente, coas paredes de cristal. Un goberno participado, como unha caixa de ferramentas sempre aberta. Porque poñer de novo as institucións ao servizo das persoas é cousa de todas e de todos, non soamente dun goberno municipal, sexa da cor que sexa. Podemos dicilo alto e claro coas palabras de Lois Pereiro: “Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo”. Un tempo novo esixe sempre formas, principios e métodos novos. Esixe un compromiso ético irrenunciable no exercicio das funcións públicas. Para moitos e para moitas, estamos hoxe diante dunha oportunidade, quen sabe se a última, de crer de novo na política. De que a política sexa outra vez esa arte de coidar do común e de protexer os intereses das maiorías e dos desfavorecidos, no canto desa palabra deostada e maldita, sinónimo de falta de honestidade, de egoísmo e paixóns tristes. Estamos diante dunha oportunidade para recuperar as institucións públicas para a xente, de poñelas ao seu servizo.

Neste tempo novo debemos gobernarnos xuntas. Non se pode concibir xa a xestión dos bens comúns sen a participación de todos e de todas. Se algo quedou demostrado nestes últimos anos é que xa non estamos dispostos a que se goberne sen contar con nós, a que se esquezan os nosos intereses e as nosas opinións. Debemos polo tanto recuperar a praza, o adro, como ese espazo de posta en común, de goberno en común. A praza debe entrar no pazo e o pazo debe saír á praza. A todas as prazas, a esta Praza de María Pita chea hoxe de ilusión, e ás prazas e ás rúas de todos e cada un dos barrios da Coruña.

Neste tempo novo debemos ser transparentes. Non podemos seguir permitindo espazos de opacidade na xestión pública. Non podemos permitirnos que estas paredes sirvan para ocultar aos seus inquilinos do escrutinio público. Todo o que aquí pasa, todo o que aquí se decide, debe ser coñecido pola cidade. Só se os representantes públicos temos enriba a lupa da cidadanía poderemos cumprir co que se agarda de nós, ser eficaces e honestos no noso desempeño.

Porque este tempo novo debe ser tamén o tempo da honestidade e da ética. Estamos xa demasiado afeitos a esa permanente sombra de sospeita baixo a que están as nosas institucións. A esa distancia crecente entre representantes e representados. A que se esquezan os compromisos do cargo que se ostenta para utilizalo única e exclusivamente para o interese persoal e o enriquecemento ilícito. Isto debe rematar. Se a xente do común chega ás institucións é para seguir nelas como xente do común mentres dure o seu mandato. E debemos poñer en marcha os mecanismos, éticos e xurídicos, para que isto sexa así. Como xente do común entramos, como xente común sairemos. E no camiño, deixaremos a pel pola xente do común.

Un tempo novo debe traer tamén responsabilidade e rendición de contas. Mandato significa encomenda. Hoxe comezamos aquí un encargo que se nos fixo, mais ese encargo non é unha carta branca. Ese encargo non é incondicional. Ese encargo é obediencia. Sabemos quen nos puxo aquí, sabemos diante de quen respondemos. Sabemos quen son os nosos xefes, quen son as nosas xefas. Son os veciños e as veciñas da Coruña. Ninguén máis. Para eles será este goberno. Só diante deles responderemos. A eles e só a eles debemos todo tipo de explicacións sobre o que fagamos.

Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña. O Concello da Coruña ponse ao servizo da xente. A partir de hoxe teremos un goberno coas prioridades claras. As prioridades de maioría social. Un goberno para todos e para todas. Un goberno que actuará con sentidiño, sabendo o que fai, sen espectáculos inútiles, mais coas ideas e os obxectivos ben definidos. Un goberno que ten un proxecto de cidade. Unha cidade da que nos sintamos aínda máis orgullosos. Unha cidade amable, sostible, camiñable. Unha cidade na que todos e todas podan exercer os seus dereitos e liberdades cívicas e ter asegurados os seus dereitos sociais.

Un goberno que fará dos servizos sociais un elemento central da súa acción. Que porá en marcha unha Renda Social Municipal para que ningunha familia siga privada do máis básico. Que se tomará en serio o dereito á vivenda. Que protexerá a aqueles que vaian perder a súa casa, poñendo o Concello ao seu carón. Un goberno que porá en práctica políticas activas de vivenda. Non se pode permitir que haxa máis de 20.000 vivendas baleiras na cidade, mentres os salarios non alcanzan para pagar alugueres ou hipotecas.

Un goberno que porá o emprego digno como obxectivo principal da actuación. Que apostará por novas áreas de creación de traballo, no comercio, nos mercados municipais, no emprendemento social, na investigación, na rexeneración urbana, na cultura e na creación, no turismo responsable, na sostibilidade, nos coidados e na atención a aqueles que máis a precisan.

Un goberno que implementará un sistema de tributos máis xusto. Un goberno que lle dará un balón de osíxeno a aqueles que peor o están a pasar. Un goberno que apostará por unha mobilidade á altura dos tempos que vivimos, que deixe de depender do coche como primeira opción para liberar a cidade de fumes e apostar polo transporte colectivo, a bicicleta ou a peonalización. Un goberno que apostará por un urbanismo que deixe de crear burbullas e se poña ao servizo da cidade que soñamos, con zonas verdes, de lecer, respectuoso con todas as persoas, nenos, maiores, ou aquelas que teñan algunha diversidade funcional.

Un goberno que axude a facer medrar toda esa inciativa cultural, económica e social que agroma na nosa cidade e que moitas veces se ve obrigada a marchar para poder seguir o seu camiño.

Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña. Hoxe, unha nova xeración colle o relevo na tarefa, nunca acabada, de imaxinar e construír unha democracia plena para a xente. E colle o relevo aquí ao mesmo tempo que en moitas outras cidades do estado. Hoxe, unha rede de cidades rebeldes que non están dispostas a baixar a cabeza nin mirar cara a outro lado diante do empobrecemento masivo da xente empeza a facer as cousas doutro xeito. Dun xeito máis xusto. Hoxe asume as súas responsabilidades públicas unha nova xeración que non quere seguir permitindo que as promesas nunca consumadas dunha vida digna, dun traballo digno, duns servizos públicos á altura dunha sociedade avanzada sigan sen cumprirse. Que non quere seguir tendo como alternativas vitais o paro, a precariedade ou exilio.

Nunca máis unha cidade que distinga os seus veciños entre os descoñecidos, que non teñen dereito a participar na organización da vida común nin a ver satisfeitas as súas necesidades, e os demasiado coñecidos, habituados ao monopolio da política no seu proveito. Nunca máis.

“Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”. Seguro que a esta altura xa lles resultan familiares estas palabras. Foron pronunciadas neste mesmo salón de plenos o 19 de abril de 1979, no descurso de investidura como alcalde de Domingos Merino. Aquel día era, en efecto, un día alegre e histórico para esta cidade: recuperabamos a democracia que nos roubaran corenta anos atrás, e con ela, coa democracia, A Coruña recuperaba a ilusión por devolverlle aos reloxos o tempo sepultado no silencio do Campo da Rata.

Algunhas das concelleiras que hoxe toman posesión nesta cámara non naceran aínda en abril de 1979. Outros, coma min, eramos apenas uns cativos. Non obstante, coñecemos algunhas das cousas que Domingos Merino dixo aquel día. E parécenos que algunhas delas seguen vivas na vontade popular e cobran hoxe de novo todo o seu significado.

Comeza, hoxe como aquel día, unha nova época. Respondemos, como o facía aquela corporación, ao desexo expresado nas urnas por unha maioría social: afondar na democracia, abrila de par en par á participación e ao escrutinio público, reconstruír as nosas institucións para poñelas ao servizo da xente. Unha responsabilidade enorme e compartida por todas e todos nós. Oxalá sexamos quen de estar, parafraseando ao alcalde Merino, á altura das circunstancias. Porque hoxe a Praza entrou por fin no Pazo. E oxalá non saia nunca máis. Oxalá dentro de catro anos a Praza berre orgullosa que si. Que si a representamos. Está nas nosas mans.

Ao poeta Curros Enríquez chamoulle Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña asasinado en agosto de 1936, “cantor das nosas rebeldías”. Hai un ano, noutra tarde imborrable de verán, outro “cantor das nosas rebeldías”, o escritor Manuel Rivas, falounos a algúns de nós na Ribeira do Cómaro, ao pé do Atlántico, dunha cidade que tiña “saudade do porvir”. Dunha cidade, A Coruña, a nosa, á que lle fervía dentro unha marea de futuro. Hoxe, felizmente, rompe aquí o futuro. Hoxe, por fin, empezamos a cumprir aquela encomenda de Luísa Villalta:

“Cidade tatuada na pétrea pel do mar
Se o Atlántico nos chama, nós imos navegar”

Moitas grazas a todas e a todos”.

 

Discurso lido por Xulio Ferreiro este sábado, 13 de xuño, ao remate da sesión plenaria na que foi investido alcalde da Coruña.

Discurso de investidura de Xulio Ferreiro