Desde a Marea Atlántica, amosamos a nosa preocupación pola crise que abre no goberno de Inés Rey a dimisión de Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. Unha vez máis, como nas discrepancias con Eva Martínez Acón, a cidade paga os problemas internos do PSOE local. Unha frivolidade que xa ocorreu demasiadas veces.
Como pouco, a substitución e os seus trámites suporán demoras no traballo en marcha dentro de áreas moi sensibles, xusto nunha situación de crise, pandemia e tras un ano sen investimentos por mor da prórroga orzamentaria. É o último que precisa A Coruña.
A nosa voceira, María García, xa se puxo en contacto coa alcaldesa para trasladarlle o noso malestar pola situación, e esixirlle que se manteñan os acordos que afectan ás áreas agora orfas, tanto os xa pechados coma o Plan Municipal de Vivenda, coma outros que estaban a madurar.
A pesar das lexítimas discrepancias políticas, Juan Díaz Villoslada demostrou sempre competencia, honestidade, capacidade de traballo e vontade de diálogo desde as súas áreas. Foi posible chegar con el a entendementos que benefician ao conxunto da veciñanza, coma o de investir nove millóns de euros en políticas de vivenda nos Orzamentos 2022. Só podemos desexarlle a mellor das sortes.