É necesario recuperar a confianza tras un historial de acordos incumpridos. A negociación debería comezar coa convocatoria inmediata dos Orzamentos Participativos
Neste proceso queremos falar dunha estratexia urbana ampla que prime ás persoas antes que á especulación, a defensa dos dereitos e a loita firme contra a crise climática
Só hai dúas formas de sumar maioría absoluta no Pleno, ou PSOE e Marea ou PSOE e PP, e Inés Rey ten que escoller
A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para amosar a disposición do noso grupo a negociar uns Orzamentos para 2022, para non repetir o erro de manter as contas prorrogadas: “Celebramos que Inés Rey rectifique e volva ao diálogo. Estamos Estamos preparadas para falar sobre a cidade, non só sobre as contas do ano que vén, pero é necesario que o PSOE dea pasos para recuperar a confianza, xa que a lista de incumprimentos dos acordos do inicio do mandato é longa”.
“Non será doado, pero polo ben da Coruña estamos dispostas a intentalo”, afirmou García. Lembrou que o noso grupo xa fixo posible a investidura de Inés Rey, as ordenanzas fiscais, diversos modificativos, os dous Presco e os únicos orzamentos aprobados polo de agora, os de 2020. “E o que recibimos foi un un xiro á dereita e un ronsel de incumprimentos que xa son ben coñecidos”. O goberno meteuse nunha rúa sen saída en 2021, non foi capaz nin de presentar un proxecto de orzamentos. “Pero polo ben da cidade estamos dispostas a explorar acordos”, declarou a nosa voceira.
Neste sentido, reclamou que o proceso de aprobación dunhas contas para o próximo ano comece coa convocatoria inmediata dos Orzamentos Participativos, “para que a veciñanza recupere un dereito que tiña desde 2016 e perdeu nos dous últimos anos, e para que sexa a veciñanza quen sinale cales deben ser os primeiros proxectos nos presupostos de 2022”.
Estratexia urbana, dereitos e crise climática
García advertiu de que “van seguir existindo desacordos entre o goberno e o noso grupo, evidentemente, somos forzas políticas distintas. O determinante é saber onde están eses desacordos e a súa magnitude”. A portavoz marcou tres áreas nas que a Marea Atlántica quere centrar o diálogo: a estratexia urbana, o dereito a unha vida digna e a loita contra a crise climática.
A estratexia urbana, entendida nun sentido amplo, desde a Maestranza ata a Área Metropolitana, co porto coma eixe central. A cidade é para vivir, non para especular, e non cabe nun só concello. Servizos, mobilidade e vivenda deben pensarse para unha área de 500.000 habitantes, non para os códigos postais do centro da Coruña.
En canto aos dereitos, non se poden consentir máis recortes en políticas sociais, como os que vimos neste ano, no que a A Coruña deixou de ser a cidade galega con maior gasto social por habitante, un liderado que gañara no mandato de Xulio Ferreiro. Tampouco se poden permitir pasos atrás en igualdade, feminismo e defensa dos dereitos LGBTIQ+, unha defensa firme fronte ao avance dos discursos de odio.
De igual modo, non pode perderse de vista a loita contra o cambio climático. É unha emerxencia que non se combate con declaracións baleiras e roseiras en Méndez Núñez. Son anos cruciais para reducir a pegada de carbono e as cidades, onde vive a maioría da poboación, teñen un papel importantísimo. E disimular é peor que non facer nada, é como finxir apagar un lume mentres deixas que arda.
Inés Rey ten que escoller: Marea ou PP
García lembrou que en 2019 a veciñanza escolleu apostar polo diálogo, ao non outorgar maiorías absolutas. Como sinalou María García, “Só hai dúas formas de sumar 14 votos no Salón de Plenos, ou PSOE e Marea, ou PSOE e PP, e Inés Rey terá que escoller a quen prefire.
Desde a Marea Atlántica aceptamos ese mandato das urnas e, desde o comezo, fixemos unha oposición crítica, pero con propostas claras e construtivas. Mantivemos o mesmo papel, mentres o PSOE tentou xogar á xeometría variable. “Hoxe, unha vez máis, e como levamos facendo desde que naceu a Marea, tendemos a man para que A Coruña avance, desde o que beneficia á maioría social”, concluíu María García.