Saltar ao contido

Solicitamos que se cumpran as recomendacións do Instituto Cornide, retirándolle as honras e as rúas dedicadas a 14 colaboradores da ditadura: así se aprobou no pleno de decembro do ano pasado

A Marea Atlántica pídelle ao goberno local que, nas vésperas do 14 de abril, festexe o aniversario da proclamación da II República cun avance claro no cumprimento dos compromisos pendentes en materia de Memoria Histórica. Comezando por retirarlle as honras a colaboradores da ditadura e a represión, tal e como recomenda o informe  elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a aplicación da Lei de Memoria Histórica na Coruña.

O documento, dirixido por Ana Romero Masiá, sinala a 14 figuras que non son merecedoras de ningunha homenaxe pola súa conivencia co franquismo: Alfonso Molina, Sergio Peñamaría de Llano, Pedro Barrié de la Maza, Calvo Sotelo, Álvarez de Sotomayor, Diego Delicado, Benito Blanco-Rajoy, Ambrosio Feijoo, Pérez-Ardá, Sanjurjo de Carricarte, Salgado Torres, cabo Ponte Anido, Fariña Ferreño e Ozores Arraiz. Unha propostas que foi respaldada por todas as asociacións memorialistas.

No Pleno do mes de decembro, o goberno local comprometeuse a aplicar as conclusións deste informe, que tardou demasiado en facerse público, e votou a favor da moción presentada pola Marea Atlántica con esta fin. Pedímoslle, polo tanto, que aproveite a proximidade do Día da República para cumprir a súa palabra e saldar débedas coas vítimas da ditadura. 

O compromiso da Marea Atlántica coa Lei de Memoria Histórica

Durante o mandato de Xulio Ferreiro, A Coruña comezou a saldar as súas débedas coa Memoria. Elimináronse das rúas e prazas da cidade nomes manchados de sangue, coma os de Millán Astray, Juan Canalejo ou a División Azul. Tamén se creou, en 2018, o Consello da Memoria Democrática, que hoxe volveu reunirse tras un longo período de inactividade e púxose en funcionamento a primeira Oficina das Vítimas do Franquismo operativa en Galicia, en novembro de 2018.

Pedímoslle ao goberno local que celebre o 14 de abril cun paso adiante no cumprimento dos compromisos sobre Memoria Histórica