María García: “Levamos catro responsables de Cultura en menos de dous anos, contando á propia Inés Rey, e a parálise é absoluta. No Pleno pediremos explicacións pola dimisión do último director de área, Rómulo Sanjurjo”
Non pode ser que a única proposta da alcaldesa para financiar o plan de axuda sexa quitarlle un millón de euros ás políticas culturais do Concello
María García e Iago Martínez, voceira e vicevoceiro da Marea Atlántica, visitaron hoxe varias pequenas librarías da Coruña para celebrar o Día do Libro, para poñernos á súa disposición e reclamarlle a Inés Rey un maior compromiso co fomento da lectura e as políticas culturais na Coruña.
“Non pode ser que a 23 de abril non teñamos nin orzamentos nin noticias do novo plan de axudas, e a única proposta do goberno municipal para aumentar fondos sexa recortarlle un millón de euros ás políticas culturais”, sinala María García. En concreto, para as librarías e a renovación do Bono Cultura, un dos que mellor funcionaron o ano pasado, xa chega tarde. Pasaron os meses máis duros para o sector sen que o executivo local tivese un só xesto para apoialo.
Tras coñecer a dimisión do director de área de Cultura, Rómulo Sanjurjo, García criticou que “volvemos ter un cambio na persoa responsable de Cultura, sete meses despois de quedar sen Concellería propia, e seguimos nun retroceso constante. Van catro responsables en menos de dous anos, contando á propia Inés Rey, que asumiu persoalmente as competencias na materia. A parálise é total, como amosa a falta de actos do Concello para conmemorar o Día do Libro. A cultura tampouco está na axenda de Inés Rey”. Rexistraremos unha pregunta oral no Pleno para coñecer os motivos da dimisión e os plans para apoiar Cultura en María Pita.
Iago Martínez reclamoulle á alcaldesa “un maior diálogo coas librerías en particular e o sector da cultura en xeral, e a posta en marcha dunha liña de colaboración que tiña que ter comezado hai máis dun ano. Como fixemos nas nosas propostas para Rescatar A Coruña, reclamou unha renovación e mellora do Bono Cultura posto en marcha en 2020, para que sexa máis eficaz e para que teña un reparto equilibrado dos recursos, en lugar de concentarse só nos establecementos máis céntricos.
A cultura é un dos sectores que está a levar a peor parte dos efectos económicos da pandemia. “Pero Inés Rey tampouco amosa empatía neste caso”, argumenta Martínez, “non pode ser que a resposta por parte do goberno municipal sexa un novo recorte no IMCE. Pedímoslle que o reconsidere e ofrecemos o noso apoio para sacar adiante unha modificación do orzamento que finance un novo Presco rebaixando os fondos para propaganda e externalizacións”.
Demandamos, tamén unha liña de axudas específicas para pemes, micropemes e persoas autónomas do sector da cultura destinadas a fomentar novos proxectos, reformar as bolsas de creación artística de acordo co sector, e habilitar unha partida para a adquisición de obras de artistas locais. Tamén é urxente constituír, antes do verán, o Consello Municipal de Cultura, de forma consensuada con todos os grupos municipais e os principais axentes do sector.
Finalmente, reclamamos que se recuperen os convenios vetados ilegalmente pola alcaldesa en febreiro, entre os que se atopaban varios destinados a asociacións e colectivos que sosteñen a Cultura na cidade mentres o goberno se limita a facer recortes.