Saltar ao contido

A Fegamp ten que ser unha ferramenta de cooperación cun funcionamento democrático, aberto e que recoñeza a pluralidade do ciclo político en marcha. Coa cidadanía como prioridade, traballando en común e afondando na transparencia e a participación

 

Logo FegampAs administración locais son as máis próximas á cidadanía, e por iso son, moitas veces, as primeiras en percibir as mudanzas que a sociedade demanda. O resultado das eleccións de maio demostra que existe unha crecente demanda de pór os Concellos ao servizo do ben común e da súa veciñanza, para democratizalos e facelos máis xustos e transparentes.

Esta mudanza das demandas cidadás e da súa representación política ten que reflectirse tamén na Fegamp. A Federación non pode continuar, exclusivamente, cun discurso alicerzado na procura dun novo financiamento que compense a dispersión e o envellecemento da poboación galega. É evidente que ambos problemas afectan ao funcionamento dos nosos concellos, é evidente que son problemas estruturais que hai que resolver, mais tamén é evidente que hai que atacar estes e outros problemas de raíz. Para isto son precisas mudanzas de fondo, novas políticas de país que procuren ese reequilibrio territorial e ese novo paradigma baseado nun desenvolvemento económico sostible, dende o punto de vista de humano, social e económico. Non é posible camiñar da man de quen é culpable da maioría dos grandes males que afectan ao país.

Necesitamos unha Fegamp que responda con contundencia ás agresións do goberno de España contra a autonomía local, nomeadamente combatendo con maior contundencia a Ley de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local. Insistir na revogación desta lei debería ser o obxectivo central desta nova etapa, é unha das principais frontes de batalla dos municipios abaixo asinantes.
A Fegamp ten que ser unha ferramenta de cooperación cun funcionamento democrático, aberto e que recoñeza a pluralidade do ciclo político en marcha. Coa cidadanía como prioridade, traballando en común e afondando na transparencia e a participación.

 

Manifesto asinado polos alcaldes de Sada, Salceda, Teo, Lalín, Cangas, Rábade, Muros, Oleiros, Mondariz, Val do Dubra, Cambre, Manzaneda, Pobra do Caramiñal, Vilar de Santos, Ferrol, Santiago e A Coruña.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2015

Dezasete concellos reclaman unha Fegam máis útil para a veciñanza