Saltar ao contido

Pode que non haxa nada menos 15M que celebrar o décimo aniversario do 15M, porque a liturxia dos eventos tende a convertelos nalgo do pasado, nunha foto fixa, nun monumento ante o que medirse. E o 15M, que fuxiu de toda etiqueta, resístese a ser colocado nun altar deste xeito. 

Sexa, pois, non un día de celebrar, senón de lembrar o 15M, coa súa viva indignación, coas súas contradicións inevitables e coas leccións que nos chegan ata hoxe. Cunha nova crise que medra cada día, non podemos facerlle un museo ao que aconteceu nas prazas hai dez anos, temos que volver poñer as persoas no centro, volver mobilizarnos para defender os nosos dereitos fronte aos novos recortes que van vir. 

Hai dez anos que escoitamos por primeira vez berros como “Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros”, “non hai pan para tanto chourizo”, ou “sóbranos mes ao final do soldo”. Berros que retrataban as inxustizas do austericidio, a gasolina coa que medrou o lume da crise de 2008, un incendio de desigualdade que aínda non se apagara de todo cando apareceu a Covid a remexer as brasas. 

Non hai que esquecer ese outro berro, un dos máis repetidos, “non nos representan”. Que chamaba ao dereito da cidadanía a falar por si mesma, e non por boca de reis, presidentes e alcaldes que vestían os mesmos traxes desde a transición. Pero tamén reclamaba unha democracia máis radical, con cargos electos máis pegados ás vidas da xente común, con salarios limitados, accións transparentes e debates nas prazas, non entre moquetas e reservados de restaurantes. 

Todos os movementos políticos xurdidos despois do 15M, como é o caso da Marea Atlántica, debémoslle moito ao 15M, pero ningún temos o dereito de apropiarnos del. Foi un movemento do que aprender, non unha medalla que colgarse. 

Co 15M rachou o relato oficial, comezou a morte do bipartidismo, xurdiron novas formacións e confluencias que tentaron recoller ese espírito, parecerse máis a movementos sociais. Asaltamos as institucións e atopámonos, por un lado, cos límites da Administración e, por outro, cunha ofensiva mediática como nunca antes se vira. 

O 15M falou do contacto, dos debates cara a cara, púxolle corpo ao malestar que nunca saía na prensa. Sinalou problemas que todo o mundo vía e denunciounos en voz alta. Chegou a un diagnóstico certeiro, aínda que as certezas sobre as solucións sigan pendentes. 

Con memoria,  con leccións aprendidas, pero sen liturxia, feliz décimo aniversario do 15M. 

Mil veces 15M: Non abramos o museo