No Pleno do mes de decembro, presentaremos unha iniciativa para manter e amplíar as medidas contra a emerxencia climática que o Concello da Coruña iniciou no pasado mandato
Tamén levaremos unha moción para reclamarlle á Xunta e a ao goberno local que asuman as obras previstas para a mellora dos centros escolares públicos
O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao Pleno, mañá xoves 5 de decembro, unha moción con dez medidas concretas que o Concello da Coruña pode aplicar para combater a emerxencia climática. Nestes momentos, como se está a advertir desde o Cumio do Clima que se celebra en Madrid, estamos a piques de chegar ao punto de non retorno, e as institucións, tamén os concellos, teñen a obriga de implicarse no aforro enerxético, a redución de contaminantes ou a protección da biodiversidade. Nesta sesión plenaria tamén presentaremos unha proposta para instar ao Concello e á Xunta de Galicia a realizar as obras de mellora que varios centros escolares públicos teñen pendentes.
Deste xeito, a través da nosa moción, proporemos 10 medidas de execución inmediata que poderían aplicarse xa no ano 2020, pois xa están maiormente iniciadas. Consisten en actualizar a Estratexia de Cambio Climático; constituír un operador enerxético municipal que fomente as renovables; fomentar a mobilidade alternativa ao automóbil privado; avanzar no Plan de Infraestrutura Verde; continuar coas estratexias de Residuo Cero; fomentar a eficiencia enerxética; descarbonizar a economía apostando por industrias non contaminantes; impulsar a alimentación de proximidade; avanzar na Área Metropolitana e cooperar coa cidadanía a través de programas de empoderamento e educación ambiental.
“Máis de 11.000 investigadores e investigadoras de 152 países veñen de declarar a emerxencia climática, advertindo ás autoridades de todo o mundo de que o sufrimento que está por vir é «incalculable» se non abordamos xa cambios no noso modelo de produción e consumo e nas políticas públicas”, sinala a moción que defenderemos mañá. Nesta loita, as cidades xogan un papel fundamental, e A Coruña deu xa pasos importantes no anterior mandato, como os proxectos de aforro e eficiencia, o impulso á mobilidade peonil e en bicicleta, a baixada do billete de bus, as Ecohortas ou a Estratexia de Infraestrutura Verde, entre outros.
Pero non é suficiente, a crise climática é unha realidade que está moi preto de volverse irreversible, e “só se pode combater con reformas ambiciosas e inmediatas”, como indica o texto.
Os colexios públicos agardan por melloras
Doutra banda, rexistramos unha moción para reclamar as moi necesarias obras de mellora e mantemento polas que están a agardar os centros de ensino público da Coruña, a gran maioría construídos hai máis de tres décadas. Instamos así á Xunta de Galicia a cumprir o convenio que asinou hai 13 anos co Concello da Coruña, e que esquece sistematicamente; e ao propio goberno municipal a completar os proxectos que quedaron deseñados no anterior mandato.
Así, cómpre lembrarlle á Consellería de Educación da Xunta que en novembro 2006 asinou un acordo co Concello para cubrir os patios de varios centros escolares da Coruña. Hai sete que aínda esperan: Emilia Pardo Bazán, José Cornide, Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta.
En canto ao goberno municipal, recibiu no traspaso de poderes varios proxectos listos para ser licitados, pero nos que non houbo ningún avance. Trátase da reforma das fachadas do Raquel Camacho, a EIM Arela e do CEIP María Pita, a reforma do comedor do Ramón de la Sagra, e das melloras de saneamento no Sagrada Familia, entre outros.
No anterior mandato, o goberno muncipal levou ao límite as súas competencias e fixo un investimento histórico na mellora dos colexios públicos e as escolas infantís municipais. Por iso reclamamos a continuidade desta liña de traballo.
A moción fai tamén un chamamento a colaborar coas ANPAS e a comunidade educativa, poñendo en marcha proxectos como O noso patio, a premiada iniciativa para reformar a área de recreo do colexio Sanjurjo de Carricarte.
Cando se vai abrir o centro veciñal do Campanario?
Neste Pleno presentaremos tamén un rogo oral para reclamarlle ao goberno que abra canto antes o Centro Veciñal do barrio do Campanario. As obras de reforma, desdeñadas e executadas no anterior mandato, remataron este verán, pero o edificio segue pechado sen que a veciñanza poida usalo.
A mellora deste equipamento público é moi necesaria nun dos barrios máis esquecidos da Coruña, e mantelo pechado é un mal uso dos recursos públicos. Por iso instaremos ao executivo local que o solucione coa maior brevidade.