Saltar ao contido

No contexto de crise, resulta moi difícil de explicar que o voceiro do goberno municipal, José Manuel Lage, cobre
4.000 euros ao mes por asistir a órganos, a maiores do seu salario na Deputación

María García:  “As representantes públicas debemos dar exemplo de compromiso fronte ás persoas que o están a pasar mal na loita contra a pandemia”

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno, o xoves 3 de decembro, unha moción para reclamar que ningún edil da Corporación que teña salario doutra administración cobre dietas do Concello por asistencia a plenos, comisións, xuntas de goberno, mesas de contratación e outros órganos colexiados. Casos como o do portavoz do goberno local, José Manuel Lage, que ten un soldo na Deputación Provincial de 59.582 € brutos ao ano e cobra dietas ata sumar 108.000 € anuais son difíciles de explicar no actual contexto de crise, cando non directamente reprobables.

“Non pode entenderse que mentres moita xente está a pasalo mal e ve como desaparecen os seus ingresos, Inés Rey e o seu equipo vivan dentro dunha burbulla cos salarios que se subiron nada máis chegar ao cargo. É o momento de rectificar e deixar de mirar só para o interior do pazo de María Pita”, sinala a nosa voceira, María García. E engade que “as representantes públicas debemos dar exemplo de compromiso, se queremos frear a desafección pola política que se percibe nas rúas e en cada barómetro do CIS”.

Mentres a COVID19 leva vidas por diante día tras día, mentres A Coruña é a cidade na que máis medra o paro en toda Galicia en termos absolutos, con máis de 2.300 empregos perdidos no que vai de ano, e mentres milleiros de negocios se enfrontan á incerteza de subir a verxa un día máis, as concelleiras e concelleiros non poden centrarse só nos seus problemas internos. Teñen que ofrecer solucións e dar exemplo.

A Marea Atlántica renunciou ás dietas desde o primeiro día

Para iso, propoñemos un acordo para que todas as concelleiras e concelleiros renuncien ás indemnizacións por asistencia a Plenos, comisións e organismos similares cando xa perciben un salario doutra administración. A Marea Atlántica fíxoo desde o comezo, ao igual que renunciou ao aumento de salario aprobado polo PSOE nada máis comezar o mandato, dedicando o excedente a atender ás persoas sen recursos na Oficina dos Dereitos e a financiar iniciativas sociais a través da Xanela de Proxectos.

Outras administracións están a facer xestos como conxelar os salarios, polo que non parece de recibo continuar na Coruña a cobrar por asistir a xuntanzas que forman parte do traballo diario no Concello, sumando en ocasións cifras desmedidas. Por iso pediremos que toda a Corporación asuma o compromiso de renunciar a sobresoldos públicos que agora máis ca nunca parecen un exceso.

Un mes agardando polo cese da concelleira tránsfuga

Doutra banda, o grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha pregunta oral de cara ao Pleno, coa intención de coñecer cando e como vai aplicar o goberno local a sentenza do Tribunal Supremo sobre os nomeamentos de concelleiros non adscritos como membros do goberno.

Noutras institucións xa se está a aplicar o criterio do TS, como na Deputación de Ourense, onde Miguel Caride foi cesado como vicepresidente segundo, ou en Viana do Bolo, onde a secretaría municipal xa pide a destitución do tenente de alcalde Santiago Barja. Pero na Coruña nin sequera se lle deu resposta ao recurso de reposición presentado pola Marea Atlántica o 2 de outubro, reclamando xa daquela o cese da concelleira tránsfuga Mónica Martínez como responsable de Deportes.

Pedimos que ningún edil cobre dietas do Concello tendo soldo noutra administración