Saltar ao contido

María García: “Esta semana, Inés Rey corrixiu o erro de negarse a negociar e a cidade conta por fin cuns orzamentos. Pedímoslle que corrixa tamén o erro de incorporar unha tránsfuga ao seu equipo”


María García, voceira da Marea Atlántica, reclamou hoxe en rolda de prensa que o goberno local acate a sentenza do 13 abril do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña e destitúa a Mónica Martínez como concelleira de Deportes. “Quero pedirlle á alcaldesa que corrixa o erro que representou darlle a unha tránsfuga un posto no seu goberno, que a destitúa tal e como lle pedimos no seu momento e como acaba de ordenar o xulgado un ano e medio despois, sen malgastar máis cartos públicos en recorrer unha sentenza ben clara”.

O fallo condena o executivo municipal a devolver ao erario público o salario percibido pola que fora candidata de Ciudadanos en 2019 dende a súa entrada no goberno, e condena tamén ao Concello a pagar as custas. A sentenza coincide no tempo coa aprobación definitiva dos Orzamentos municipais para o ano 2022, que foi posible grazas ao entendemento entre o PSOE e a Marea Atlántica. 

“Foi un acordo que permitiu ao goberno de Inés Rey corrixir un erro grave: a decisión unilateral do goberno local de privar de orzamentos á Coruña en 2021. Grazas a iso, onte puidemos aprobar uns orzamentos que invisten 9 millóns de euros en políticas de vivenda e tres millóns en recuperar locais comerciais baleiros, apostan pola soberanía enerxética, reforzan o gasto social e atenden á saúde mental. Por iso agora convidámola a corrixir outro erro cometido na mesma época, a destituír a Mónica Martínez, e devolver o goberno da Coruña á senda da legalidade e a saúde democrática”, afirma García.

O cambio de rumbo do verán de 2020

Así, a nosa voceira lembrou que “este mandato perdeu o rumbo á volta do verán de 2020”, a época na que o PSOE se pechou a toda negociación orzamentaria e se afastou do diálogo que fixo posible a investidura da alcaldesa. Época na que remodelou por primeira vez o seu goberno abrindo unha crise permanente que chega ata hoxe. Primeiro foi a fichaxe dunha concelleira tránsfuga, logo o cese de Eva Martínez Acón, os constantes cambios en Cultura, a marcha de Juan Díaz Villoslada e Santiago Roura…  “O Concello da Coruña ten que saír desta situación de irregularidade, que só pode arranxar co acatamento da sentenza e a destitución de Mónica Martínez”.

Reclamámoslle ao goberno local que acate a sentenza xudicial e destitúa a tránsfuga Mónica Martínez como concelleira de Deportes