Os catro grupos da oposición presentamos hoxe unha queixa conxunta tras a Comisión de Promoción Económica: o concelleiro Juan Ignacio Borrego negouse a informar, mentres Eva Martínez Acón e Esther Fontán nin se presentaron
Na Comisión de Deportes, Borrego compareceu sen achegar toda a información sobre as medidas para garantir os 37 postos de traballo en Amartya e manter a actividade no verán
A Marea Atlántica denuncia a actitude opaca e obstrucionista do goberno municipal á hora de render contas, e o seu desprezo polas comisións informativas e os dereitos da oposición. Hoxe, tras a Comisión Informativa de Promoción Económica, Comercio e Turismo, os catro grupos da oposición rexistramos unha queixa amosando a nosa “sorpresa, indignación e rexeitamento” pola actitude do executivo local: o concelleiro Juan Ignacio Borrego negouse a dar información, mentres que as concelleiras Eva Martínez Acón e Esther Fontán nin se presentaron pese a estar chamadas a acudir. “Trátase dunha falta de respecto e dunha proba máis do retroceso democrático deste goberno”, valorou Alberto Lema, representante da Marea neste órgano.
A Comisión Informativa foi convocada para dar conta do traspaso de competencias por mor da baixa da concelleira titular, Diana Cabanas, e solicitar información sobre asuntos de tanta importancia como a programación das Festas, o Festival Noroeste, o futuro de Alvedro ou a promoción turística da Coruña. Dúas das tres concelleiras do goberno convocadas nin sequera acudiron, e Juan Ignacio Borrego, quen si estivo presente, negouse a informar dos asuntos que lle correspondían, pese a recoñecer que os levaba preparados.
Ante este desprezo, a Marea Atlántica, o Partido Popular, o Bloque Nacionalista Galego e a concelleira non adscrita presentamos unha queixa conxunta dirixida á Alcaldía, esixindo unha desculpa e un compromiso de que isto non volva suceder.
A alerxia que o goberno de Inés Rey lle ten á rendición de contas faise máis evidente cada día, con incumprimentos flagrantes como a negativa a presentar informes na Comisión de Transparencia, a mala calidade das respostas ás preguntas orais e escritas do Pleno, ou as dificultades para o acceso a expedientes. Volvemos a reclamarlles que rectifiquen.
En defensa do emprego en Amartya
Está mañá celebrouse tamén a Comisión Informativa de Deportes, centrada de xeito monográfico na protección dos 37 postos de traballo na empresa Amartya, concesionaria do Servizo Municipal de Deportes. Compareceu o concelleiro Juan Ignacio Borrego, quen se limitou a informar de que mañá manterá unha xuntanza co cadro de persoal e negouse a dar detalles sobre as medidas que pensa aplicar para garantir o emprego.
Desde a Marea Atlántica, volvémoslle reclamar, como levamos dúas semanas facendo, que manteña a actividade deportiva do Concello durante o verán e protexa o emprego de 37 persoas. Hoxe tamén o fixo o Colexio de Educación Física nun comunicado.
“Non só e necesario para coidar dos postos de traballo, tamén é recomendable para coidar da saúde da veciñanza despois de tres meses de confinamento”, sinalou Claudia Delso, a nosa representante na Comisión de Deportes.