O candidato á Alcaldía da Coruña recorda que o pleno aprobou en marzo de 2022 unha moción da Marea Atlántica que reclamaba a súa conservación como equipamento dotacional público
A alcaldesa debe explicar que xestións fixo ante a Autoridade Portuaria para lograr ese obxectivo, no canto de “retorcer informes técnicos para avalar a súa inacción”
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove lamenta que Naturgy comezase esta semana a desmontar a popular Medusa do peirao do Centenario sen que nin o goberno municipal de Inés Rey (PSOE), nin a Autoridade Portuaria que preside Martín Fernández Prado (PP) abrisen a debida reflexión. “A Medusa vaise eliminar por decreto”, advirte Xan Xove, “sen debate público, nin transparencia, nin estudos serios sobre as posibilidades desta infraestrutura –alén do seu valor simbólico e para a nosa paisaxe urbana– como equipamento dotacional ao servizo da cidadanía no futuro bordo litoral. Volven os tempos en que as decisións na Coruña as tomaban catro”.
Moción aprobada o pasado marzo para conservar a cúpula
Xove lembra que o Pleno da Corporación aprobou en marzo do ano pasado unha moción da Marea Atlántica que reclamaba a permanencia da Medusa no peiraos, como “peza referencial” da paisaxe urbana e do patrimonio industrial da Coruña, e comprometía ao goberno municipal de Inés Rey a “viabilizar” ante a Autoridade Portuaria (APAC) “un uso dotacional público de equipamento ao servizo da cidade”. A proposta continuaba a liña dos proxectos presentados no pasado mandato ao concurso de ideas do Foro Tecendo Litoral, convocado polo alcalde Xulio Ferreiro para fomentar a participación cidadá na transformación dos peiraos.
O traslado da estrutura a outra ubicación, segundo a moción apoiada polo PSOE e o BNG –o PP abstívose–, só debía producirse en caso de estar “debidamente acreditada e xustificada en relación coa súa incompatibilidade coas necesidades de tráfico portuario e coas previsións ao respecto no plan estratéxico portuario ou nos outros plans e programas de actuación da APAC”.
Cero xestións para manter a Medusa
Nin unha cousa nin a outra aconteceron. O único que a cidadanía coñece son unhas declaracións da alcaldesa, en novembro de 2022, nas que sentenciaba a Medusa amparándose nun suposto informe técnico. Ese documento, ao que a Marea Atlántica tivo acceso, limitábase a calcular os custos do traslado e comparalos cos que tería volver construír unha estrutura idéntica noutra ubicación. En ningún caso estudaba o destino da Medusa a novos usos cívicos. As cifras empregadas por Inés Rey nin sequera coinciden coas recollidas nese informe.
Xan Xove esíxelle á alcaldesa que, no canto de “retorcer informes técnicos para avalar a súa inacción”, dea explicacións sobre as xestións que o pleno lle encomendou a iniciativa da Marea Atlántica. A moción instaba a Inés Rey a “concertar coa Autoridade Portuaria as negociacións e acordos precisos” para que a Medusa se convertese, preferiblemente no propio peirao no que se levantou, nun equipamento dotacional público. Un ano despois, o que temos son máquinas desmontando a cúpula no Centenario.