Saltar ao contido
Cabalgata de Reis 2017

 La Voz de Galicia emprega información parcial e non veraz para poñer en entredito a seguridade da Cabalgata de Reis da Coruña, que aínda non foi rectificada.

A cabalgata conta con máis seguridade ca nunca, cun mínimo de 5 ambulancias (dúas delas medicalizadas) e 101 monitoras vixiando o percorrido.

 

O pasado sábado, 9 de xaneiro, o xornal La Voz de Galicia publicou unha nova baseada en información parcial e non veraz co seguinte titular: “Los pliegos de la cabalgata de Reyes de A Coruña prevén que no haya ni un médico”. Na portada, a intoxicación era máis grave: “En la cabalgata de Reyes de A Coruña no habrá ni médico ni enfermero”. No texto sinálase que “en el último desfile se desplegó una ambulancia con un facultativo y un enfermero”.

A información foi elaborada, sen moito interese pola verdade, a partir da lectura sen contrastar dun dos varios contratos que o Concello outorga para a organización deste evento. O documento publícase, por transparencia, no Perfil do Contratante da web municipal, pero non contén, nin moito menos, todos os aspectos da Cabalgata.

 

Os datos reais

Segundo estaba previsto, o martes 12 de decembro, os concelleiros de Culturas e Economía Social da Coruña, José Manuel Sande e Alberto Lema, ofreceron xunto coa xerente do Consorcio de Turismo unha rolda de prensa para detallar as actividades de Nadal organizadas polo Concello. Nela, fíxose referencia á cuestión da seguridade da cabalgata:

O percorrido dos Reis Magos desde O Castrillón ata María Pita estará vixiado por un mínimo de 5 ambulancias, dúas delas medicalizadas. É dicir, todas con persoal sanitario e dúas, ademais, con profesionais médicos. No anterior desfile foran tres as ambulancias en servizo e non unha, como afirmaba o xornal.

Nesta cabalgata de 2018 tamén se incrementan as monitoras que coidan do evento, con 101 profesionais (42 máis que o ano anterior). E editarase en papel unha guía con dez sinxelos consellos de seguridade, que se pode ver aquí.

 

Os mundos paralelos

Na edición do día seguinte, o diario recolle o percorrido da cabalgata, e fai referencia ao incremento de monitoras. Pero nada di respecto das ambulancias e o persoal sanitario. Co seu silencio, da por bo o publicado o 9 de decembro, deixando que a sombra da mentira manche o que debe ser un evento festivo e cause preocupación nos pais e nas nais que teñan previsto asistir.

Coas nenas e cos nenos non se xoga. O goberno municipal da Coruña teno claro, e por iso fai un esforzo especial en garantir a súa diversión e seguridade na Cabalgata de Reis, que todos os anos recolle unha afluencia masiva na nosa cidade. Un evento que La Voz escolleu poñer en cuestión con información non veraz e con dúbidas infundadas.

Non todo vale.

Coas nenas e os nenos non se xoga