Saltar ao contido

A pesar dos anuncios de Pedro Sánchez, aínda non existe un escudo social que protexa a todas as persoas que poden quedar na rúa a partir do 9 de maio. A incerteza é enorme

Reclamámoslle a Inés Rey que amose empatía e poña en marcha, dunha vez, medidas de reforzo para atender ás persoas sen fogar na Coruña: anunciar un centro de baixa esixencia sen data de apertura serve de pouco

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno do Estado que vaia máis alá dos titulares e as promesas de Pedro Sánchez e estenda a prohibición dos desafiuzamentos máis alá do estado de alarma, para impedir que milleiros de persoas queden na rúa e sen alternativas a partir do 10 de maio. Como sinala a concelleira Silvia Cameán: “Prometeuse un escudo social contra a crise, pero as medidas non son abondo. Hai xente que está a recibir notificacións de desafiuzamento xa mesmo, tamén na Coruña, e que vive nunha incerteza absoluta. Esta presión psicolóxica non é humana. Levaremos o asunto ao vindeiro Pleno para instar ao Estado español a poñerlle solución inmediata e impedir os despexos dando cumprimento aos tratados internacionais ratificados de dereitos humanos”. 

Deste xeito, apoiamos as reivindicacións da PAH, os sindicatos de inquilinas e outros movementos sociais polo dereito á vivenda, que inclúen tamén a prometida regulación dos prezos dos alugueiros. Así figuraba na moción da Marea Atlántica aprobada na última sesión plenaria.  

É necesario lembralle a Pedro Sánchez que o Estado ratificou no 1977 o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (PIDESC) e o seu Protocolo Facultativo no ano 2010. Este protocolo crea o Comité de DESC, que leva tempo denunciando graves incumprimentos do dereito á vivenda en España. 

Que axuda terán as persoas sen fogar?

Na mesma liña, pedirémoslle a alcaldesa que amose empatía coas persoas que o están a pasar mal e reforce, de maneira inmediata, os recursos para atender ás persoas sen fogar na Coruña. Non pode quedarse en anuncios como o do futuro centro de baixa esixencia nas instalacións de Padre Rubinos, onde o Concello investirá medio millón de euros, o 80% financiados con fondos europeos conseguidos no mandato anterior, e que tras 25 anos volverá a ser de xestión privada. As instalacións de Padre Rubinos se financiarán nun 80% con fondos europeos conseguidos no mandato anterior, pero nin comezou a redacción do proxecto para reformalo e non ten data de apertura, a emerxencia é agora. Vai ano e medio desde que Inés Rey pechou o Centro Abeiro e aínda non puxo en marcha ningunha alternativa estable. 

Por iso rexistramos unha serie de preguntas de resposta escrita, para coñecer a data prevista para abrir un novo centro en Padre Rubinos e  saber se xa está encargado o proxecto de reforma. Pedimos, tamén, que se detallen as medidas para as máis de 435 persoas en distintos graos de situación de rúa que os Servizos Sociais detectaron na Coruña, e que están a atopar uns recursos habitacionais desbordados. 

Solicitamos, igualmente, unha valoración do goberno sobre as sancións que se lle están a poñer ás persoas sen fogar por mor das restricións sanitarias. Trátase cun colectivo da máxima vulnerabilidade e que se pasa a ter débedas coa administración quedará excluído de moitas axudas sociais. É preciso revisar estas multas, creando unha mesa de coordinación co 092, os servizos sociais e as entidades especializadas, anulando a sanción nos casos que sexa preciso. 

Deste xeito, reclamamos que se amplíe o programa de senfogarismo creado polo goberno da Marea Atlántica, aumentando os fondos para o convenio con Housing First e asinando un novo con Provivenda. Era a proposta que a Marea Atlántica realizou para mellorar o anexo de subvencións nominativas do Concello, pero que foi vetada de xeito ilegal pola alcaldesa, nunha cacicada que levamos ao xulgado. A 22 de abril, os convenios seguen sen asinar. 

No Concello: sen medidas e sen empatía

E, desde logo, non pode escusarse en legalismos como fixo nas súas última declaracións sobre as vivendas que a Sareb, un organismo con recursos públicos, vai vender en Palavea para facer caixa en lugar de darlles unha fin social ou negociar coas persoas que cederon solares ou adiantaron pagos. “Todo o que acontece na cidade é da incumbencia da alcaldesa, que debería poñerse do lado da veciñanza antes que da hidra inmobiliaria. Así facía sempre Xulio Ferreiro”, sinalou Cameán. 

No eido da vivenda faltan, tamén, varias das medidas as que o PSOE se comprometeu nos acordos co noso grupo para o inicio do mandato e os Orzamentos 2020, comezando pola bolsa de alugueiro social. Tamén, en virtude de varias mocións aprobadas no Pleno, debe reforzar as axudas á rehabilitación de vivendas e inmobles, reactivar a Oficina Municipal de Vivenda e impulsar, da man de todos os grupos da Corporación, un Plan Municipal de Vivenda. Tamén prometeu en 2020 rematar co asentamento precario da Pasaxe, sen que se produciran avances significativos. 

“Nisto debería estar a traballar Inés Rey, en lugar de en asegurar pelotazos nas Percebeiras ou nos peiraos de San Diego. Pero non ten a cabeza nas necesidades da veciñanza”, concluíu Silvia Cameán. 

Hai que estender a prohibición dos desafiuzamentos tras a fin do estado de alarma