Nos últimos días, coñeceuse unha nova investigacións por delitos fiscais nos que está implicado o anterior monarca, por pagos irregulares nas súas cacerías despois de abdicar
A Marea Atlántica levará ao Pleno da Deputación Provincial, que se celebra o xoves 23 de xuño, unha iniciativa para reprobar o comportamento de Juan Carlos de Borbón, demostrado na súa recente visita a Sanxenxo: tras dous anos fuxido en Abu Dabi, non regresou para dar explicacións polos seus actos e os presuntos delitos que se lle imputan. Regresou para participar nunha regata. Por iso, nesta moción tamén instamos ao Congreso dos Deputados a investigar os indicios de delito na actividade do rei emérito, e a modificar o artigo 56 da Constitución, que lle atribúe ao monarca unha anacrónica inviolabilidade ante a Lei.
A comezos de mes levamos unha proposta semellante ao Pleno do Concello da Coruña, que foi rexeitada cos votos do PP e o PSOE. Porén, hai pouco máis dunha semana coñeceuse que a Axencia Tributaria ten aberta unha nova investigación sobre Juan Carlos de Borbón polos pagos das cacerías nas que participou tras abdicar. A apertura dun procedemento inspector formal impide que, neste caso, poida regularizar voluntariamente a súa situación. Por iso, procuraremos un novo debate sobre o papel do anterior monarca e o seu comportamento reprobable.
Coñécense xa varios casos con indicios de que Juan Carlos de Borbón, puido cometer fraude fiscal, branqueo de capitais e suborno, tanto antes coma despois de abdicar, pero non rendeu contas por estes feitos, por mor da súa inviolabilidade, a prescrición dos delitos e, nos casos máis recentes, as facilidades que as institucións do Estado lle deron para regularizar a súa situación.
Pero en lugar de dar as explicacións que debe, no seu fugaz regreso puxo de manifesto “o seu desprezo pola obriga de exemplaridade e honorabilidade a que o compromete a natureza do seu cargo, así como unha completa falta de sensibilidade e respecto cara a cidadanía do común”.
Ningunha persoa debe estar por riba da Lei
As actuacións de Juan Carlos de Borbón son proba de que manter a figura dun Xefe de Estado por enriba da lei é unha idea incompatible cunha sociedade democrática. Da lugar a comportamentos moi pouco exemplares, coma desprazarse nun jet pagado por un emir de Abu Dabi, vulnerando o código de conduta do que se dotou a propia Casa Real española, ademais de todo o xa sinalado.
Nun momento no que as institucións públicas deberían dar exemplo de compromiso e responsabilidade, non de impunidade, procuraremos o apoio de todos os grupos da Deputación Provincial para reprobar o comportamento de Juan Carlos de Borbón e retirarlle honras.