Saltar ao contido

Reclamamos que a institución provincial poña en marcha un plan de medidas de Igualdade destinadas a combater o odio e a discriminación contra as persoas LGBTQI


Nas vésperas do Día do Orgullo, a Marea Atlántica leva ao Pleno da Deputación, este xoves 23 de xuño, unha moción en apoio aos dereitos do colectivo LGTBQI, instando ao goberno provincial a apoiar as mobilizacións do 28X e a conmemoración do primeiro aniversario do brutal asasinato de Samuel Luiz Muñiz, acontecido na Coruña en 2021. 

Neste ano, a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis convoca manifestacións baixo o lema “Fronte ao odio: Visibilidade, Orgullo e Resiliencia”, un lema co que nos identificamos plenamente, e que debería ter o seu reflexo na política institucional. Nun momento no que as dereitas gañan terreo, e no que os discursos de odio teñen consecuencias reais e violentas nas rúas, é preciso comprometerse desde todos os ámbitos para protexer os avances sociais en materia de igualdade e diversidade. 

En palabras do voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, “nesta situación queremos instar a todos os grupos provinciais a evitar falsas equidistancias e comprometerse cos dereitos do colectivo LGBTQI, a deixar claro que non se pode perseguir nin golpear con odio a diversidade”. 

Políticas públicas contra o odio e pola diversidade

Deste xeito, reclamamos que a Deputación poña en marcha, desde a súa área de Igualdade, un plan de medidas destinadas a combater a discriminación e o odio contra as persoas LGTBQI no ámbito laboral, social, sanitario… Debería partir dunha diagnose sobre a súa situación e necesidades na provincia, que debería realizarse en colaboración con outras institucións e axentes sociais. 

Neste plan teñen cabida iniciativas como un protocolo de resposta fronte a delitos de odio, medidas de protección das persoas trans menores de idade durante o seu desenvolvemento, impulsar espazos formativos sobre diversidade sexual e levar a cabo campañas de sensibilización e información sobre a diversidade sexual, a identidade de xénero e a loita contra a discriminación en todos os ámbitos. 

Tamén instamos á Xunta de Galicia a desenvolver as medidas necesarias para protexer os dereitos das persoas LGTBQI, amosando unha posición inequívoca contra os discursos e os delitos de odio.

 

Procuramos o apoio de todos os grupos da Deputación aos dereitos do colectivo LGTBQI e as mobilizacións do Orgullo