A implantación desorganizada e sen control dos aeroxeradores ten graves impactos ambientais, económicos e na vida da veciñanza. A transición ás enerxías limpas é necesaria, pero precisa
Alberto Lema: “A transición cara as enerxías limpas é necesaria, pero non pode facerse a calquera prezo e só a beneficio das grandes empresas de sempre”
O grupo provincial da Marea Atlántica levará ao Pleno da Deputación, este venres 30 de setembro, dúas iniciativas para reclamar a implantación descontrolada e desorganizada de parques eólicos en Galicia, que causan graves problemas nas actividades económicas, no medio ambiente e na vida da veciñanza. En primeiro lugar, trasladamos o noso apoio ás alegacións veciñais contra o parque eólico de Vilartoxo, en Val do Dubra, que terá consecuencias moi negativas para a zona. E en segundo lugar, solicitamos que a Deputación dedique os seus recursos a apoiar ás persoas afectadas, non ás empresas eléctricas.
Alberto Lema, voceiro provincial da Marea Atlántica, sinalou que “a transición cara formas de producir enerxías limpas é necesaria, pero non pode facerse a calquera prezo e deixando todo o beneficio nos petos das grandes empresas de sempre, mentres o resto pagamos a factura”. Lembrou que Galicia é un país que exporta cada ano máis do 30% da enerxía que produce (en 2021 foi o 38%), asumindo o impacto da produción sen que iso se traduza un menor prezo da luz, nin en maior xeración de emprego, nin en políticas de redistribución.
Un proxecto fraccionado para disimular o seu impacto
É o caso do Parque Eólico de Vilartoxo, que ten previsto instalarse en San Román, entre A Baña e Val do Dubra, nunha zona que Alberto Lema visitou nos últimos días. E puido comprobar coma o proxecto unirase aos parques previstos en Barrosiño e Troitomil, pero que se presenta de forma fraccionada para dificultar a súa supervisión por parte da Xunta. Abonda con mirar o mapa e comprobar que os tres proxectos, que suman ducias de aeroxeradores de alta potencia, e que se sitúan a menos de 500 metros dalgunhas casas (e a menos de 2 quilómetros do lugar de residencia dun milleiro de persoas). Tamén comparten centro de controle e outras infraestruturas, pero o goberno do PP non ten intención de supervisar o cumprimento da normativa ambiental.
Ademais, o proxecto afectará de forma severa a hábitats naturais, humidais e caudais de auga, e vulnera a normativa europea de conservación da Natureza e de protección dos recursos hídricos. Por todos estes motivos, a Asociación Vento Libre de San Román presentou unha serie de alegacións contra o proxecto, que trasladamos nesta moción e que agardamos que conten co apoio maioritario do Pleno. Do mesmo xeito, instamos ao goberno provincial a reunirse con este colectivo.
A Deputación non pode negociar para as grandes eléctricas
Na segunda das nosas mocións dirixímonos ao goberno de PSOE e BNG na Deputación da Coruña para reclamar o cumprimento da iniciativa aprobada no Pleno de abril de 2021, a instancias do noso grupo, na que se acordou que entidade provincial lle prestaría asistencia xurídica aos aos concellos e entidades sociais que así o requirisen fronte ás grandes empresas enerxéticas, para compensar a diferenza de forzas.
Porén, o que realmente está a facer a Deputación, a través dun convenio coa asociación Vento Noso, que en lugar de axudar ás persoas afectadas, fai de intermediaria das grandes empresas eléctricas. Dedícase a animar á veciñanza a alugar as súas terras para a instalación de parques eólicos o máis rápido posible, e por uns beneficios irrisorios. Tamén se están a denegar por parte da entidade provincial todas as solicitudes de axuda para catalogar o impacto dos parques eólicos nas vías provinciais e o patrimonio histórico e natural, deixando todo o traballo en mans da cidadanía.
Por iso, instamos a modificar o obxecto co convenio con Vento Noso para que se dedique só a prestar servizos xurídicos ás persoas afectadas que desexen presentar recursos aos proxectos de parques eólicos. E reclamamos a posta en marcha, á maior brevidade posible, un programa para a localización e catalogación do patrimonio cultural e natural da nosa provincia, desde mámoas e petróglifos, a brañas e fontes.
Fondos para un novo centro social en Sada
Neste Pleno tamén se aprobará unha achega de 140.000 euros para financiar o proxecto de reforma da antiga escola unitaria de Carnoedo, en Sada, para transformala un centro social con ludoteca e ximnasio. Unha iniciativa do goberno de Sadamaioría que achegará novos servizos á cidadanía e que conta o apoio do noso grupo provincial.