Saltar ao contido

Na liña do Concello de Sada, presentaremos unha iniciativa na Deputación para reclamar medidas que impidan que a familia Franco continúe o saqueo 

Alberto Lema: “O Estado e a Xunta, co seu desleixo, deixaron ocos legais que os Franco tentan aproveitar para facerse con parte dos mobles do Pazo

A Marea Atlántica defenderá mañá, no Pleno da Deputación Provincial da Coruña, unha moción para instar ao Estado protexer os bens mobles do Pazo de Meirás, interpoñendo unha demanda civil para garantir que se incorporen ao patrimonio público, tal e como reclama o Concello de Sada. Unha causa na que tamén debería persoarse a Deputación. “Presentamos esta iniciativa para impedir que a familia Franco continúe saqueando Meirás aproveitando os ocos que lles deixa o desinterese das administracións”, resume o noso voceiro provincial, Alberto Lema.

Como explica Lema, “a inacción das institucións permitiu que o 15 de xullo una sentenza ditaminase que a maior parte dos bens mobles non teñen protección e poden ser retirados pola familia Franco”. De feito, intentaron facelo hai uns días, e só llo impediu o feito de que a causa xudicial segue aberta. Por iso, a nosa moción reclama tamén a Consellería de Cultura que amplíe dunha vez o catálogo BIC do Pazo de Meirás.

O patrimonio de Pardo Bazán e as estatuas do Pórtico da Gloria

Falamos de obxectos tan importantes coma o patrimonio de Emilia Pardo Bazán, do que os Franco se apropiaron en 1938, e de todos os bens trasladados ao pazo entre esa data e 1975, froito de diversos espolios. Entre eles, as dúas estatuas de Abraham e Isaac, obra do Mestre Mateo, que pertencían ao Pórtico da Gloria da catedral de Santiago e que foron roubadas polo ditador. 

O 2 de setembro de 2020 o xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña fallou a favor do Estado e declarouno propietario do Pazo de Meirás, tras quedar probado que a doazón aos Franco foi unha fraude para agochar o seu roubo baixo ameazas en 1936. É o momento de resolver os ocos que deixou pendentes esta sentenza histórica. 

O Estado debe presentar unha demanda para incorporar todos os bens de Meirás ao patrimonio público