Saltar ao contido

Alberto Lema: “A implantación de renovables é positiva, pero ten que ser compatible coas actividades que xa existían, especialmente coas agrogandeiras. Temos que buscar prácticas que non entorpezan a viabilidade da economía rural”

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou a moción da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, presentada pola Marea Atlántica, para reclamar a reforma do Plan Eólico de Galicia e a paralización dos proxectos previstos nesta zona, máis dunha ducia, que poñen en risco a súa riqueza natural e a súa actividade agraria. O texto, que contou cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, reclama “”un mellor equilibrio entre o impacto e o retorno” da enerxía eólica, atendendo ás reclamacións dos colectivos e movementos sociais.

O noso voceiro provincial, Alberto Lema, sinalou que “a implantación de renovables é positiva, pero ten que ser compatible coas actividades que xa existían, especialmente coas agrogandeiras. Temos que buscar prácticas que non entorpezan a viabilidade da economía rural”.

A comarca de Ordes, declarada pola Xunta como “zona de especial interese agrario”, ten en marcha a tramitación de parques eólicos na Pobra, Ardemil, Monte Inxerio, Gasalla, Legre, Solpor, Meirama, Encrobas, Xalo, Pico Cedeira, Monte San Bartolomé, Tornado, Orzar e Pedrabante, sumando todos eles un centenar de macromuiños de máis de 200 metros de alto cada un. Dúas delas, por certo, son impulsadas por Greenalia, a empresa que fichou á exconselleria de Medio Ambiente Beatriz mato. Solicitámoslle aos gobernos galego e estatal que revisen os criterios.

Esta moción sinala que o forte impacto ambiental destas instalacións “non se ve compensado por un retorno económico proporcional, xa que o chamado Canon Eólico galego establece unha cota máxima do 5% dos beneficios, é dicir, 28 millóns para toda Galicia en 2017”.

Tendo claro que a enerxía renovable é positiva, non ten sentido tan alta concentración nunha soa comarca e menos nunha que mantén aínda unha intensa actividade agraria, sendo importantisimo nestes tempos de crise conservar a produción de alimentos de proximidade.

En cumprimento da moción, a Deputación Provincial deberá trasladar a solicitude de reforma do Plan Eólico ás consellerías de  Economía, Emprego e Industria; Medio Rural; Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ao propio presidente da Xunta e aos ministerios de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente; e Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Tamén  ao Parlamento Galego, ao Congreso dos Deputados e a todos os concellos da comarca de Ordes.

Duplicación do contrato de lixo da Coruña

Doutra banda, o Pleno da Deputación aprobou, co voto en contra da Marea Atlántica, a sinatura dun convenio con Tragsa para duplicar parte do servizo de limpeza da cidade da Coruña, dun xeito que se solapa co contrato municipal actualmente en vigor. Alberto Lema pediu que se retirara o asunto da orde do día, pero a súa solicitude foi rexeitada.

Como sinalou Lema, este convenio, que conta con informes desfavorables da secretaría e a intervención provinciais, “supón gastar 600.000 euros nun servizo que xa se está a prestar, en lugar de destinalos a políticas sociais ou axudas ao emprego, moito máis necesarias para enfrontar a crise”. E engadiu que “o único sentido desta medida é que o PSOE da Coruña quere cumprir o seu programa electoral pola porta de atrás”.

 

A Deputación aproba a moción contra a proliferación de máis dunha ducia de parques eólicos na comarca de Ordes