Saltar ao contido

No vindeiro Pleno defenderemos unha moción para reclamarlle ao goberno provincial a valentía de sumarse á causa na que xa están a Xunta e o Concello de Sada

O grupo da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno da Deputación, o 20 de decembro, unha moción na que se insta ao goberno provincial a persoarse como acusación na denuncia para recuperar o Pazo de Meirás de mans da familia Franco, na que xa figuran a Xunta de Galicia e o Concello de Sada. Por xustiza, reparación e memoria histórica, a Marea reclámalle á Deputación á valentía de sumarse a esta causa aberta pola Avogacía do Estado para devolverlle á cidadanía o que lle foi roubado pola familia Franco.

Como se lembra na exposición de motivos, o 15 de setembro de 2017 foi aprobada unha moción na que se instaba á Deputación a sumarse á Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás, conformada por máis de 40 entidades do tecido cívico da provincia; rexeitaba que a xestión das visitas a este histórico edificio estea en mans da Fundación Franco, e apoiaba a realización dun estudo sobre o espolio do pazo.

Desfacer o papel que a Deputación tivo no roubo de Meirás

Foi precisamente este estudo, dos profesores Emilio Grandío e Xavier Ferreira, o que sustenta a denuncia para recuperar o Pazo. Grazas a el descubriuse que as “doazóns” á familia Franco para adquirir Meirás fixéronse baixo coacción, e que o a escritura de compravenda foi un “contrato simulado”. Tamén demostrou o papel que a Deputación tivo no proceso fraudulento para o ditador e os seus herdeiros quedaran co Pazo.

Posteriormente, o 22 de marzo de 2018, a Deputación aprobou por unanimidade outra moción relativa ao Pazo de Meirás, na que se instaba ao Estado a exercer as accións administrativas e xudiciais oportunas para darlle a volta a este roubo, ofrecendo para iso a colaboración da entidade provincial.

Polo tanto, unha vez que a Avogacía do Estado iniciou unha demanda, ten todo o sentido que a Deputación faga o posible por impulsala e sumarse a ela. Ten toda a lexitimidade histórica, xurídica e competencial para facelo.

A Marea Atlántica insta á Deputación a persoarse na denuncia para recuperar o Pazo de Meirás