Saltar ao contido

Alberto Lema: “Eses fondos terían que estar beneficiando aos concellos ou mellorando a rede provincial de estradas, non gardados  nas arcas da Deputación”

O noso grupo absterase mañá, na votación en pleno da liquidación de 2019, xa que o goberno provincial non investiu o 60% do seu orzamento do ano pasado

A Marea Atlántica anuncia a súa abstención á hora de votar a liquidación do exercicio contable de 2019 na Deputación Provincial, que irá a Pleno este venres 28 de febreiro.

O motivo, como explica no noso voceiro Alberto Lema, é que “nun momento de contracción económica e aumento da precariedade laboral, cando a obriga das administracións públicas é a de asegurar, co seu investimento, a calidade dos servizos e o fomento da actividade económica, atopámonos con que a Deputación da Coruña deixou sen executar 277 millóns de euros no ano 2019, o 60% do seu orzamento final”, explica Alberto Lema, voceiro provincial da Marea Atlántica.

“Son fondos que deberan estar beneficiando aos concellos, mellorando a rede provincial de estradas, que presenta un deplorable estado de conservación, ou financiando proxectos. En lugar diso, quedaron sen uso nas arcas da Deputación, onde xa se acumulan fondos líquidos por valor de 318 millóns de euros”, engadiu Lema.

Cómpre recoñecer que parte do problema reside en normativas como Lei de Sustentabilidade e Racionalización das Administracións Locais, a Lei Montoro, que con premisas absurdas como a do teito de gasto, impiden que institucións de indubidable solvencia poidan mobilizar o seu crédito para facer fronte ás súas obrigas,

Por estes motivos, a Marea Atlántica anuncia a súa abstención. Non podemos apoiar “o paradoxo duns concellos sedentos de liquidez e unha Deputación a piques de afogar no seu propio exceso de crédito”, tal e como o definiu Lema.

A Deputación deixou 280 millóns sen executar no ano 2019