A moción, asinada por todos os grupos da corporación agás o do Partido Popular, recolle a denuncia da asociación de nais e pais do centro polo recorte de persoal de atención á diversidade, malia o incremento de matrículas
A ANPA conta tamén co apoio de todo o equipo directivo e docente, as asociacións do concello mariñán e de todos e cada un dos grupos políticos da Corporación Municipal do Concello de Bergondo
A Marea Atlántica, xunto cos grupos provinciais de PSOE, BNG, e Alternativa dos Veciños, defenderá no Pleno da Deputación Provincial, este xoves 22 de decembro, unha moción que recolle as demandas da ANPA do Centro Público Integrado Cruz do Sar de Bergondo, derivadas do recorte de persoal de atención á diversidade.
“Este curso escolar hai máis alumnado con diversidade funcional no Cruz do Sar, pero conta cun especialista menos de Pedagoxía Terapéutica, un profesor menos en Primaria e a xornada de Audición e Linguaxe máis reducida”. Advirte o deputado da Marea Atlántica, Alberto Lema. “Isto pon en risco a atención de máis de 30 nenos e nenas con diversidade funcional que teñen dereito a ter cubertas as súas necesidades educativas en condicións de igualdade. Igualmente terán impacto no resto do alumnado xa que o recorte dun mestre de primaria incrementará indiscutiblemente a carga de traballo do actual cadro docente”, sinala a iniciativa, apoiada por todos os grupos provinciais agás o PP.
O centro educativo xa comunicara ao remate do curso pasado as súas necesidades de dotación de persoal docente, xustificada debidamente segundo informes de profesionais especializados e valorados, nalgúns casos, polo Servizo Galego de Atención á Dependencia. Porén non recibiu resposta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta ata a primeira semana do mes de setembro deste ano, denegando as demandas realizadas.
Apoio de toda a comunidade educativa e do Concello de Bergondo
Estas demandas contan co respaldo da totalidade do equipo directivo e docente, de todas as asociacións do concello mariñán, e de todos os grupos políticos da Corporación Municipal do Concello de Bergondo.
No texto da moción, ademais de recoller estas demandas do CPI Cruz do Sar de Bergondo e instar á Consellería a cubrir todas estas necesidades, recolle o compromiso da Deputación da Coruña coa calidade do ensino público como un motor de igualdade e cohesión social entre a cidadanía da provincia.